DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dous artistas vigueses e dous coruñeses conforman a mostra 'A Breveverba'

Arte de ida e volta que tende pontes entre Vigo e A Coruña

A profesora de Belas Artes, Almudena Fernández, asina dúas das obras

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Anabel Vila DUVI 21/01/2011
Dúas obras por artista, dous artistas por cidade. Esa é a premisa de A Breveverba, a exposición da Casa das Artes de Vigo na que participa Almudena Fernández, docente de Belas Artes. Para esta ocasión, e realizadas ex profeso para o espazo expositivo, Fernández presenta Mural espiga e Columnas carbón, que comparten espazo cos traballos do vigués Bosco Caride e os coruñeses Tatiana Medal e Xurxo Gómez-Chao, que tamén crean coa idea dunha pintura híbrida e posta en relación con outros contextos e outras linguaxes. Trátase dunha exposición de ida e volta, polo que permacerá na cidade ata o día 23 de xaneiro para despois dar o salto a A Coruña, onde abrirá as súas portas o día 28 no Kiosco Alfonso.

O título da exposición, A Breveverba, é un palíndromo (palabra que se lee igual de esquerda a dereita) que responde ao traxecto de ida e volta entre as dos cidades nas que se celebra a exposición, pero tamén á vontade de comprender que na arte contemporánea a lectura dunha traxectoria ten que ser, “necesariamente” tal e como explica Fernández, de ida e volta.

As intervencións Mural espiga e Columnas carbón son as que presenta a profesora da Facultade de Belas Artes. “Estas obras foron deseñadas ex profeso para o espazo expositivo da Casa das Artes”, explica a autora para quen “parten da idea dunha pintura que se expande fóra do formato pechado do cadro, que toma como soporte os muros do espazo, que atende á especificidade do lugar e que busca un traxecto perceptivo de orientación dinámica”.

Ambas as dúas xurdiron a partires de elementos e formas atopadas no espazo.“As liñas que debuxa o pavimento prolónganse, pintadas e debuxadas, verticalmente nos muros”, explica Almudena Fernández. “O espazo dita as pautas, os atributos formais, buscando a complicidade entre a pintura e o contexto onde se inscribe” asegura a profesora de Belas Artes, quen pon como exemplo esta exposición na que “a pintura se realiza in situ, sendo así totalmente dependente, indisociable do lugar”.