DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado da Facultade de Belas Artes colabora co Centro Penitenciario de A Lama

A arte libera a creatividade das celas

Enmárcase dentro do Programa de Voluntariado da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 14/05/2012

A arte non entende nin de limitacións nin de barreiras. Alumnado da Facultade de Belas Artes decidiu compatibilizar a súa formación académica colaborando co Centro Penitenciario de A Lama, "enriquecendo o aprendido nas clases". Enmarcado dentro do Programa de Voluntariado da Universidade de Vigo, varias alumnas do centro puxeron en marcha a semana pasada un curso de arte para os internos da prisión, co obxectivo de "avivar a súa creatividade". Supervisada en todo momento polo decanato da facultade, “esta colaboración tradúcese nunha aplicación práctica do que se ensina nas aulas, amosándoo na rúa e compartíndoo cos demais”, explica o decano Juan Carlos Meana.

Durante os vindeiros tres meses, as voluntarias desprazaranse ata o Pavillón Multiusos da prisión de A Lama para impartir programas formativos enmarcados dentro das terapias ocupacionais propias da institución e que afondarán nas distintas disciplinas artísticas, dende o debuxo, pasando pola cerámica ou pintura. “Coido que nas prisións, unha das peores cuestións é como empregar o tempo, polo que a nosa intención non é conseguir un dominio das artes senón espertar o interese e a motivación dos internos”, apunta Juan Carlos Meana, que salienta ademais que este tipo de iniciativas “axudan a manter o ánimo e a mostrar que sempre hai outras oportunidades”.

Compromiso social

É a primeira vez que a Facultade de Belas Artes se alía cunha institución penitenciaria en materia de formación, unha colaboración, que segundo o decano, amosa o compromiso social que a Universidade ten co tecido social do seu arredor. “Ademais de que o alumnado poida pór en práctica o aprendido nun contexto real, esta iniciativa é unha mostra máis do que o noso centro pode dar á sociedade”, engade Meana, que tamén considera necesario unha maior promoción dos programas de voluntariado entre os universitarios “para que se animen máis a participar”.

O programa do curso foi deseñado integramente por estudantes do campus “o que puxo de manifesto a entrega e a profesionalidade dos mesmos”. Coa supervisión do propio decano, alumnado do Máster para o profesorado de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensino de idiomas foi o responsable de elaborar o programa docente que poñen en práctica voluntarias do último curso do Grao en Belas Artes. “Dada as condicións do curso, abriuse a convocatoria aos alumnos máis veteranos da facultade e en todo momento contan co apoio e colaboración do persoal da prisión”, aclara Juan Carlos Meana.

Os quince internos que participan neste programa de voluntariado foron seleccionados pola propia prisión entre aqueles que xa previamente realizan actividades nos obradoiros ocupacionais do centro. "Escolleuse un perfil de alumnado idóneno" para que reciba unha visión completa sobre as posibilidades creativas da práctica artística e que logo trasladará ao resto dos seus compañeiros nos próximos talleres diarios de traballo.