DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Unidade de Igualdade organiza unha actividade itinerante polos 3 campus que este luns comeza na Sa

Arte para loitar contra a violencia de xénero

Proxéctase un vídeo artístico de Alicia Framis que denuncia o inmobilismo institucional ante “esta l

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 12/11/2012

Hai unha semana o Instituto da Muller recollía que un total de 644 mulleres foran asasinadas pola violencia machista dende o ano 2003, “pero a día de hoxe xa son 645”, subliña Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo que organiza unha actividade artística itinerante polos tres campus para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Este luns deu comezou na Sala X da Facultade de Belas Artes a proxección do vídeo Secret Strike Lleida da artista Alicia Framis no que denuncia o inmobilismo institucional con respecto a esta “lacra que non é allea a ningún ámbito da sociedade”, apunta González Penín.

A través desta acción itinerante, a Unidade de Igualdade quere amosar o seu compromiso e sensibilización “con esta loita” para conseguir “que de verdade deixen de morrer mulleres que son asasinadas polos seus homes”, apunta González Penín que considera fundamental que dende a Universidade se leven a cabo este tipo de iniciativas xa que “ningún ente permanece alleo a esta problemática”. A violencia contra as mulleres é unha preocupación social da que non está excluído o ámbito universitario “pois parece que non toca pero está en todos lados”, reflexiona a directora da unidade, “unha lacra que non escapa a ningunha clase polo que é responsabilidade de todos e todas reaccionar para poder tentar parala”, engade.

Arte con mensaxe

A obra seleccionada para esta actividade foi un vídeo da artista Alicia Framis “que traballa moito con cuestións de xénero” no que reuniu a unha multitude de 100 mulleres inmóbiles nun paso de peóns da cidade de Lleida como queixa ante o inmobilismo institucional respecto a violencia de xénero. A Unidade de Igualdade escolleu reivindicar o 25 de novembro dende a práctica artística “pois é unha forma moi idónea coa que se pode chegar a moita xente, unha arte con mensaxe en contra da violencia de xénero”, engade. Aínda que a peza foi gravada en 2005, “representa aínda a situación de 2012”, apunta Anabel González Penín, que si advirte unha certa sensibilización e compromiso por intentar atallar esta cuestión “aínda que a situación segue sendo practicamente a mesma, aínda estes días morreu outra muller”.Segundo a directora da Unidade de Igualdade, os poderes públicos deben seguir avanzando na toma de medidas para paliar este tipo de violencia “que ademais precisa da denuncia e do rexeitamento non só da muller senón de todo o ambiente que a rodea”, dando resposta de “forma contundente” a todas as actitudes machistas.

González Penín salienta “o grande avance” que a sociedade experimentou con respecto á implantación da igualdade de xénero, non obstante na actualidade “a crise económica preséntase como a escusa perfecta para considerala un tema subsidiario e frear as medidas que con tanto esforzo se tomaran para poder avanzar cara unha sociedade máis xusta”, indica.

O vídeo de Alicia Framis, emitido en bucle, poderase visualizar na Sala X dende este luns ata o próximo venres 16 de novembro para logo proxectalo na Área Comercial do campus de Vigo do 19 ao 23 de novembro. Finalizará o seu percorrido na Biblioteca Central do campus ourensán do 26 ao 30 de novembro.