DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes e egresados da Facultade de Belas Artes comparten o seu talento coa cidadanía

Arte a pé de rúa

A actividade coincidiu coas celebracións en honor a San Ero, patrón do centro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 10/05/2012

A arte está ao alcance de todos e para demostralo alumnado e titulados da Facultade de Belas Artes organizaron este xoves na Praza de Mugartegui unha especie de mercado na rúa, co fin de achegar á cidadanía toda a creatividade desenvolvida nas aulas. Ademais de mostrar o que son quen de plasmar nun lenzo, con esta iniciativa os organizadores pretenden desmitificar o concepto de arte aproximándoa ao común e vinculándoa co contexto cotiá. “Este mercado na rúa pretende afastar a arte das institucións e das elites e levalo á rúa, ao medio diario de todas as persoas”, explicou Lidia Mene, unha das alumnas organizadoras.

Non é a primeira vez que o alumnado da Facultade de Belas Artes leva a cabo esta iniciativa xa que “hai tres anos varios estudantes orixinarios de Valencia xa a promoveran e a estableceran en Pontevedra”, aclarou Mene. Ademais de contemplar obras creadas polos futuros artistas do campus, o público puido participar nos obradoiros de malabares, de pintura, de maquillaxe e de manipulación de coiro, impartidos polos propio alumnado e artesáns con experiencia. “Dalgunha forma, este mercado improvisado axúdanos a promocionar o labor artesán e a amosar o valor engadido que ten a confección feita a man”, apuntou un dos profesionais a cargo do obradoiro de coiro. Tamén dispuxeron unha biblioteca móbil e realizaron performances e vídeo-exposicións ao longo da tarde. Ao final da xornada, os organizadores levaron a cabo unha subasta de obras entre os asistentes “para que se comprobe que a arte pode estar ao alcance de todos os petos”.

Este mercado na rúa coincidiu cos actos de celebración do patrón da facultade, San Ero, “que decidiu facerlle unha visita para atraer o bo ambiente á praza e fomentar a participación”, comentaron algúns dos alumnos e alumnas. Así, a actividade tivo “a bendición” do patrón.