DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición "Correspondencia" é un proxecto do colectivo madrileño Dentes de Ollo

A arte postal a traves do percorrido de cen cartas dende Madrid ata a Sala Alterarte

As misivas, unha proxección audiovisual e a revista do colectivo integran a mostra

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 02/12/2009

¿Que lle ocorre a unha carta na súa viaxe postal? ¿Por que mans pasa? ¿Quen son eses personaxes anónimos, os carteiros, que posibilitan que ese sobre chegue ao seu destinatario? Os membros do colectivo Dentes de Ollo quixeron dar resposta a esta e a outras preguntas. Para iso, puxeron en marcha a exposición Correspondencia, un proxecto co que conseguiron por en movemento centos de invitacións que partiron dende Madrid, que percorreron moitos puntos da cidade de Ourense e que chegaron á Sala Alterarte do campus, que recolle agora os froitos daquel traballo nun proxecto expositivo. Os sobres, un esquema da ruta seguida polas cartas ao longo da cidade e unha proxección audiovisual na que se reivindica o papel da arte postal integran unha mostra que se completa coa posibilidade de consultar e comprar a revista do colectivo, unha publicación de edición limitada e de temática e formato cambiante que recolle as iniciativas postas en marcha por este grupo de creadores.
A exposición púxose en marcha o 29 de outubro, data na que os membros de Dentes de Ollo, Claudia González, Jesús Bermejo e José Enrique Mateo, enviaron cen sobres á Sala Alterarte. Esas cartas contiñan, á súa vez, outras, seladas e redireccionadas con enderezos tomados ao azar da cidade de Ourense, onde se invitaba aos seus destinatarios a participar no proxecto expositivo. Segundo explica José Enrique Mateo, “en Madrid xa se perdeu a primeira carta, polo que enviamos 99. Das que se enviaron aos veciños de Ourense responderon seis, unha cun escrito dentro que se pode consultar tamén na mostra”. Así mesmo, cada sobre contiña no seu exterior unha invitación expresa ao carteiro para acudir á inauguración da exposición. Claudia González conta que esta iniciativa responde “a unha necesidade de facer visible ao intermediario, ao carteiro, a esas mans que permiten que a carta vaia do remitente ao destinatario”

Dentes de Ollo, un colectivo que busca crear o seu propio discurso cultural

Claudia, Jesús e José Enrique formaron o colectivo Dentes de Ollo no ano 2006, despois de rematar os seus estudos de Belas Artes e ante a dificultade para acceder e para crear o seu propio discurso cultural. “Alquilamos un estudo para traballar en conxunto na busca de novas estratexias e maneiras de dicir cousas no panorama artístico”, contan. Sesións de cine e a participación en exposicións colectivas son algunhas das actividades levadas adiante por un grupo que ten como principal filosofía “que a xente colabore con nós, que nos propoña novas ideas que poidamos levar adiante por medio de proxectos artísticos”.
O colectivo ten tamén unha revista que recolle as iniciativas levadas adiante polo grupo e que se nutre tamén das colaboracións doutros artistas. A publicación, que se pode consultar tamén na Sala Alterarte como un complemento ao proxecto expositivo Correspondencia é, segundo Ignacio García, coordinador do proxecto Alterarte e comisario da mostra, “un exemplo de como se pode editar de maneira independente, onde os propios artistas son os que difunden o traballo doutros artistas creando un produto que ben se pode considerar unha obra de obras”, declara.
A exposición Correspondencia permanecerá na Sala Alterarte ata o vindeiro día 8 de xaneiro de 2010.