DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preséntase o catálogo do proxecto expositivo 2010/2012 da Sala Alterarte

Arte que se forxa en 'estado crítico'

Dez destacados creadores comisariados por dez críticos participaron na iniciativa

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 15/07/2013

Foron dous anos de traballo, vinte críticos de arte e creadores, unha longa lista de obras expostas, moitos días abertos ao público e numerosos visitantes. O proxecto Estado Crítico 1. 10 comisarios 10 artistas ocupou a Sala Alterarte do campus de Ourense durante o período 2010/2012, achegando á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral o máis destacado ou o máis prometedor do panorama artístico máis próximo. Unha publicación recolle agora en imaxes e reflexións o que foi o gran proxecto de arte contemporánea deste campus, que comezou en novembro de 2010 coas fotomontaxes de Sheila Pazos e que rematou cunha intervención de Rubén Santiago sobre a universidade e os seus ritos. Froito do éxito desta primeira edición, Estado Crítico continúa agora con este libro e coa celebración dunha segunda edición do proxecto na que desta volta os comisarios son docentes da Universidade de Vigo.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Manuel Buxán, director da Sala Alterarte; Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus, e Xosé Lois Vázquez Che, deseñador do catálogo, foron os encargados de presentar a publicación. “É unha satisfacción poder presentar un libro que reúne tanto talento nas súas páxinas. Foron dous anos de traballo que valeron a pena e que agora continuará vivo con esta publicación”, destacou María Lameiras. Segundo salientou Xosé Manuel Buxán, a partir de setembro a publicación será enviada ás bibliotecas dos principais centros de arte contemporánea e críticos da Península. “Para nós é unha oportunidade fabulosa que este catálogo e polo tanto o traballo da Sala Alterarte, unha sala pequena e da periferia, estea na biblioteca de por exemplo o Reina Sofía ou o Guggenheim”, subliñou Buxán Bran.

Contra a crise, crítica e arte

Ao longo das páxinas do catálogo recóllense en imaxes as exposición dos creadores Sheila Pazos, Mar Vicente, Venesa Díaz e Juan Adrio, Andrea Costas, Rafael Cidoncha, Xulio Gil, Anna Katarina Martin, Lito Portela, Eduardo Valiña e Rubén Santiago. Ademais, inclúe unha exposición extra do artista Germán Gómez e comisariada polo propio responsable da Sala Alterarte, unha exposición que foi enlace entre as dúas edicións de Estado Crítico. Acompaña ás imaxes de cada creador unha presentación da obra e do artista a cargo dos comisarios, que nesta ocasión foron críticos de arte dos principais medios de comunicación que abordan este tipo de contidos en Galicia. Concretamente participaron os críticos Mercedes Rozas, Xosé Manuel Lens, Ramón Rozas, Chus Martínez, Román Padín, Xosé Enrique Acuña, Ánxela Caramés, Carlos L. Bernárdez, José Paz e Natalia Poncela.

Estado Crítico xurdiu nun contexto no que xa comezaban a agromar os amargos froitos da crise e que foi tomando corpo ao tempo que a crise económica, política e moral se ía ampliando e estendo. Durante este tempo a sala moveuse cara dentro e cara fóra para armarse de respostas posibles perante un mundo dislocado”, comentou o director do proxecto expositivo e da sala de arte contemporánea do campus. Segundo explicou Buxán, a iniciativa tentou refrear ese estado de emerxencia tamén cunha cultura baseada na colaboración e na participación de axentes críticos da prensa galega, mesturando no proxecto diferentes xeracións, estilos e formatos.

Tal e como lembrou Filemón Rivas durante a presentación do catálogo, a obra está dedicada á memoria de Benito Losada, que foi o director da Casa da Xuventude de Ourense e un “aliado nas actividades culturais do campus de Ourense sempre que precisamos del”. O libro está editado por Difusora de Letras, Artes e Ideas, cuxo responsable, Xosé Lois Vázquez Che, salientou a importancia de reivindicar o libro “nun mundo global e fronte ao ruído dixital”. Mentres se pecha con esta publicación Estado Crítico 1, Estado Crítico 2 segue ocupando a Sala Alterarte, e ata o vindeiro 26 de xullo, cunha das súas exposición, concretamente coa da obra do escultor galego Manuel Buciños, sendo a comisaria a catedrática da Universidade de Vigo Mª Victoria Carballo-Calero.