DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador Carlos Trindade estudou na súa tese a incidencia dos recordos na creación contemporán

A arte ten memoria

Sostén que, tras superar os "prexuízos" do modernismo, converteuse nun importante obxecto de traball

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 07/09/2015

Como un termo “xenerosamente polisémico”, que abrangue “todas as formas de presenza do pasado” abordou o artista e investigador Carlos Trindade a idea da memoria, “unha facultade esencial do ser humano” que nos últimos tempos tense convertido tamén nunha temática de relevancia no mundo da arte. As diferentes perspectivas desde as que a idea da memoria pode ser abordada na creación artística centran a tese de doutoramento en Belas Artes deste investigador luso, que afonda nas relacións entre arte e memoria, unha temática que se ten erixido coma un importante campo de traballo e reflexión para os artistas, despois de que se superasen “os prexuízos” cara esta cuestión que este investigador atribúe á arte modernista.

“Nun sentido amplo, a memoria pode definirse xenericamente como o proceso polo que todo aquilo que aprende o ser humano perdura no tempo”, apunta Trindade, profesor na Escola Superior Artística do Porto (ESAP), que centrou a súa investigación na “grande heteroxeneidade de fenómenos” que abrangue esa idea da memoria, “todos eles susceptibles de ser abordados no campo da arte”. Dos recordos da experiencia individual á memoria colectiva, pasando pola relación da arte co seu propio pasado ou polos “conflitos de interpretación en torno a acontecementos históricos”, son múltiples os ámbitos desde os que a creación artística contemporánea se achegou á idea da memoria, despois de que esta tivese sido “desvalorizada”, sostén, pola arte modernista.

“O modernismo foi construído como unha barreira protectora, como unha parede contra a ameaza da historia”. Con esta cita do crítico norteamericano Clement Greenberg pon Trindade de relevo aqueles prexuízos que foron “mantidos xenericamente pola crítica de arte contemporánea”. As prácticas artísticas do modernismo “apreciaban principalmente o futuro”, propiciando unha “ruptura co pasado”, salienta este investigador e artista plástico, quen na súa tese Arte e Memoria. Desenvolvementos e derivacións sobre o concepto de memoria e a súa contribución á práctica artística realiza un percorrido histórico pola presenza da memoria na arte para amosar como, tralo remate da Segunda Guerra Mundial, “cultivouse intencionalmente unha certa dose de esquecemento da que a arte tamén foi cómplice”.

Múltiples xeitos de achegarse á memoria desde a arte

Hoxe en día, “hai un número crecente de artistas que se interesan en maior ou menor medida polo tema”, engade Trindade, que concluíu da súa investigación que o interese dos creadores e creadoras por un tema “que no cinema, por exemplo, estivo de moda ata hai uns anos, é moito maior do que parece a primeira vista”. Neste senso, Trindade apunta que a súa investigación, dirixida polo profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Barcia, “permitiu confirmar unha expectativa que tiñamos desde o principio, que é posible atopar un gran número de exemplos de obras e proxectos artísticos dedicados ao tema da memoria, cubrindo practicamente todos os seus aspectos”.

Nese senso, Trindade fai énfase no “carácter plural” dunha temática na que se insiren “todas as formas de presenza do pasado” e alude ás numerosas obras que abordan “os problemas da historia”, así como a aquelas que se relacionan “co propio pasado da arte”, traballan con arquivos, abordan “unha vella tradición da arte como é a representación histórica e a súa revisión”, afondan en “moitos dos problemas inherentes aos modos nos que se xestiona e transmite a memoria colectiva ou social, sobre todo nos aspectos políticos e institucionais”, ou teñen directamente como base “experiencias traumáticas da vida persoal dos artistas”. Pola contra, Trindade tamén constatou co seu estudo, no que combinou a análise de obras coas entrevistas a artistas, que “os procesos de construción dos recordos” son un ámbito que “ten merecido unha menor atención" por parte dos artistas, algo que atribúe á “complexidade” dunha temática que implica “uns amplos coñecementos científicos”.

Escasa reflexión teórica

Non obstante, a pesares da importancia que ten adquirido esta temática no mundo da creación artística, esta apenas tivo unha “influencia significativa nos estudos teóricos sobre a arte contemporánea”, segundo Trindade. O investigador constatou na súa tese a “enorme relevancia alcanzada polos estudos sobre a memoria a finais do século XX” en ámbitos como as ciencias sociais, pero non na arte, onde, apunta, “son escasos os textos ou investigacións” que aborden a esta temática, “coas excepcións dos memoriais e, máis recentemente, da compulsión polo arquivo”. A xuízo deste investigador, esta ausencia de “liñas de investigación sistemáticas” sobre este eido atópase ligada “en gran medida, á permanencia durante moito tempo” deses prexuízos “herdados das prácticas modernistas, nas cales a memoria foi desvalorizada”.

Non obstante, “por proporcionar un tipo de coñecemento propio e pola súa transversalidade, a arte tamén participa no sistema de construción e difusión da memoria”, como destaca Trindade, para quen os modos de representación que implican os procesos creativos supoñen unha valiosa achega a esta temática, á que contribúen cunha “visión particular que ilumina mellor certos aspectos do seu impacto real na nosa vida cotiá”. De aí que unha das conclusións da súa tese sexa incidir na necesidade de desenvolver “liñas de investigación específicas” sobre as relacións entre arte e memoria.