DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias da Educación acollerá unha mostra escultórica sobre a loucura

A arte como testemuña da evolución e a decadencia dun centro psiquiátrico

A exposición reúne vinte pezas feitas por Florencio de Arboiro no hospital de Toén

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 18/01/2010

O etnógrafo e escultor ourensán Florencio de Arboiro vai presentar unha selección das súas obras no primeiro andar da Facultade de Ciencias da Educación. A mostra leva por título A pegada dun psiquiátrico e reúne 20 pezas traballadas polo artista en bronce, pedra, madeira e pizarra e inspiradas na loucura. O artista deseñou estas obras no transcurso do seu traballo como mestre do Obradoiro de Laborterapia de Artes Plásticas no Hospital Psiquiátrico Cabaleiro Goás de Toén, polo que na exposición poderanse observar tamén algúns obxectos do centro como un antigo electroshock, vellas maletas de internos e unha camisa de forza, entre outros. A inauguración da mostra está prevista para o vindeiro día 1 de febreiro e permanecerá na sala de lectura da facultade durante tres meses. Así mesmo e durante a estadía das pezas no campus os organizadores da mostra prevén levar adiante algunha actividade de homenaxe ao doutor Cabaleiro Goás e tamén ao propio escultor Florencio de Arboiro.
A exposición foi presentada este luns no transcurso dun acto ao que asistiron a decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mercedes Suárez; o vicedecano do centro, Xosé Manuel Cid e o propio escultor, Florencio de Arboiro.

Unha estadía que marcou boa parte da obra escultórica do artista

O Hospital Psiquiátrico Cabaleiro Goás de Toén abriu as súas portas no ano 1959 polo que se celebra agora o 50 aniversario da creación dun centro que foi innovador pola aplicación de novas técnicas terapéuticas. Florencio de Arboiro comezou a traballar alí no ano 1976, cando había uns 100 pacientes –na actualidade apenas chegan a 40-. O escultor asegura que esa experiencia “marcou boa parte da miña obra escultórica; de feito as meigas, os quixotes e a serie sobre a loucura son unha boa mostra das miñas vivencias no centro”. No seu Obradoiro de Laborterapia de Artes Plásticas mantivo longas conversas cos enfermos do hospital, “probablemente porque era un espazo no que os pacientes se sentían en total liberdade para falar con franqueza, un lugar onde os diagnósticos non tiñan cabida e onde as persoas eran simplemente persoas e non enfermidades”, explica o artista. A mostra que vai expor na Facultade de Ciencias da Educación é, xa que logo e segundo as súas palabras, “un reflexo de algo que existiu e eu existín con el”. As pezas moldeadas polo artista utilizando materiais como o bronce, a pedra, a madeira e a pizarra, entre outros, son o resultado de todas as horas de obradoiro que compartiu cos enfermos e dos que garda, nalgúns casos, testemuño sobre os seus pensamentos, “sobre o seu xeito de ver o mundo que os rodeaba”, afirma.
Neste ano 2009 Florencio de Arboiro cesa a súa actividade como mestre do Obradoiro de Laborterapia de Artes Plásticas do centro. Por iso o artista concibe esta exposición como “unha homenaxe a todas as persoas que durante décadas desenvolveron a súa actividade profesional no centro sanitario pero, sobre todo, é unha homenaxe aos verdadeiros protagonistas: os internos”. Ademais e coa mostra destas obras ao público quere provocar no espectador unha reflexión. Nas súas palabras, “espero que esta exposición invite ao observador a meditar no que podería resumir nunha frase: non son todos os que están nin están todos os que son”, declara.

Unha mostra que vai “ao encontro da sociedade e do alumnado”

Na súa intervención Xosé Manuel Cid explicou que esta mostra “vai ao encontro da sociedade, dos estudantes” e é que as súas obras “reflicten a imaxe da persoa que hai detrás do enfermo mental e que Florencio de Arboiro retrata á perfección”. Cid resumiu en dous os obxectivos da institución académica coa posta en marcha desta exposición. Nas súas palabras, “por unha banda, a actividade sociocultural que levan adiante os enfermos mentais entronca con algunhas titulacións docentes que se imparten na facultade; pola outra, queremos sensibilizar aos nosos estudantes e tamén a todas as persoas interesadas da importancia que teñen os portadores da cultura popular para a salvagarda do coñecemento e Florencio de Arboiro é un deses portadores”, declarou.