Alumnado do Máster en Arte Contemporánea colabora con Culturgal
Arte por todos os recunchos da cidade
Co obxectivo de ofrecer ao público un percorrido artístico polos lugares máis emblemáticos da cidade de Pontevedra, alumnado e profesorado do Máster en Arte Contemporánea organizaron da man de Culturgal un proxecto expositivo que “saca as obras das salas ao exterior”. Porase en marcha o luns 26 de novembro ás 19.00 horas dende a Facultade de Belas Artes, “pero á mañá xa estaremos preparando todas as intervencións”, aclara Eugenia Suárez, unha das comisarias desta mostra itinerante que remata no Pazo da Cultura e que se poderá contemplar nas rúas de Pontevedra ata o domingo 2 de decembro.
As intervencións artísticas, caracterizadas pola pluralidade de propostas e soportes levaranse a cabo en espazos comerciais e referentes da cidade, como a Casa das Campás, a Ferretaría Galega ou a Cafetería El Escritor, “locais todos eles que fan de Pontevedra un lugar exemplar con respecto aos oficios e tradicións”, engade Suárez que comparte o labor de comisariado coa súa compañeira María Prada. Agradecen a colaboración mostrada dende os comercios “pois moitos préstannos os seus escaparates para traballar neles”.