DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tese de Lorena Arévalo analiza os efectos na vida comunitaria destas manifestacións culturais

A arte urbana contribúe á transmisión de relatos colectivos minoritarios

O estudo amosa a súa incidencia, limitada, na cohesión social de pequenas comunidades

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 08/01/2018

Nuns anos marcados pola “crise, económica, política e ambiental”, a arte urbana “parece vivir unha idade de ouro”, salienta a investigadora Lorena Arévalo, en alusión ao número de iniciativas centradas nestas manifestacións culturais xurdidas nos últimos tempos. Avaliar o seu potencial como “ferramentas de empoderamento” para diferentes comunidades, ao permitir a “visibilización pública das súas inquedanzas”, foi o propósito central da tese de doutoramento que Arévalo centrou no estudo de tres festivais de arte urbana de Galicia e do norte de Portugal e na que conclúe que “a arte urbana e o graffiti contribúen á transmisión de relatos colectivos minorizados”. Non obstante, aínda que o estudo defende a “capacidade de incidencia” destas disciplinas “no proceso de cohesión social en pequenas comunidades”, ao favorecer tanto a “reapropiación colectiva” do espazo público como os “sentidos e valores compatidos”, esa capacidade de incidencia amósase, explica, “moi limitada e condicionada por unha serie de factores referidos á natureza mesma e características das comunidades en cuestión”.

Factores como ás características e natureza das comunidades, a “madurez política dos públicos”, a presenza de “condicionantes externos á hora de limitar o discurso visual”, o nivel de asociacionismo ou a “presenza dunha identidade colectiva” determinan esa capacidade de incidencia, explica Arévalo, integrante do colectivo Til Diacrítico. Dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Daniel Martí, a tese Arte urbana e comunicación local. Apropiación de discursos visuais para o cambio en Galicia e Norte de Portugal (2008-2016) céntráse nese senso no estudo do “valor discursivo” e nos efectos destas manifestacións culturais na vida comunitaria.

Tres casos de estudo

O aumento do número de iniciativas vinculadas á arte urbana rexistrado nos últimos anos “pode observarse tamén en Galicia e no norte de Portugal”, onde Arévalo centrou a súa análise en tres eventos que canalizan “o relato cidadán de xeitos moi diversos”. Trátase do Sreet Art AXA Porto, do festival Desordes Creativas de Ordes e de Como vexo o meu barrio, a sección participativa do proxecto Vigo, unha cidade de cor.

No caso deste último, trátase dun programa no que alumnado de primaria e secundaria leva a cabo de xeito colaborativo intervencións nas que os temas centrais “son a reprodución de edificios e espazos emblemáticos da cidade e as interrelacións cos valores do seu centro”, explica Arévalo dunha iniciativa da que destaca o seu “valor como ferramenta de cohesión e visibilización”. Por outra banda, no festival Desordes Creativas, a arte na rúa emprégase para “visibilizar unha serie de problemáticas locais e facer un chamamento á propia cidadanía, animándoa a ser parte activa no cambio”, de tal xeito que os temas máis frecuentes son “a crítica ao poder establecido, a preocupación pola perda de dereitos e liberdades ou o deterioro medioambiental”. Este relato da cidadanía, nun sentido amplo, non ten cabida no Street Art AXA Porto, unha intervención nun espazo pechado, que, pola contra, si permite ao propio colectivo de artistas “reivindincar a súa disciplina,” a través dunha “sorte de obra conxunta na que os distintos estilos e técnicas foron postas a disposición dunha única finalidade, amosar á cidade o seu talento”.

Diferentes tipoloxías de intervención

Na súa tese, Arévalo define tamén unha serie de tipoloxías de eventos centrado na arte urbana, que abrangue os proxectos participativos con obxectivo social, os de autor “con obxectivo de creación de marca artista”, os institucionais dirixidos “á creación de marca social” e os corporativos, categorías das que poden partir unha serie de “tipoloxías derivadas”, como os proxectos participativos ou de autor destinados a crear “marca cidade”.

Partindo desta distinción a investigadora puido comprobar no seu estudo como “tanto os proxectos participativos como os de autor, xurdidos nos seus comezos como iniciativas privadas de carácter comunitario, corren en ocasións o risco de ser institucionalizados”, dado o papel que xogan diferentes organismos como financiadores e difusores. Así, aínda que o futuro deste tipo de iniciativas “parece prometedor”, Arévalo tamén salienta a importancia de “atopar novas fórmulas que permitan a posta en marcha de iniciativas sostibles cuxa promoción, xestión e financiamento maioritario se atopen unicamente en mans da cidadanía”.

Dimensións dialéctica, poética e retórica da arte urbana

Diferentes teses centraron nos últimos anos o seu obxecto de estudo na arte urbana desde eidos como a historia da arte, a socioloxía, a educación ou as belas artes. No seu caso, Arévalo centrou a análise non só no estudo destas disciplinas, “senón nos efectos que ditas manifestacións teñen na vida comunitaria”, poñendo o foco no “outro extremo do proceso comunicativo”, na recepción da mensaxe por parte do público “e a reapropiación que esta fai da mesma”.

Con ese propósito, a investigación aborda a arte urbana desde unha tripla dimensión. Por unha banda, a dialéctica, desde a que conclúe que a arte urbana contribúe a esa “transmisión de relatos colectivos minorizados”, tal e como amosa, “o predominio dos relatos visuais de carácter crítico e social presentes nas obras realizadas no marco das iniciativas analizadas”. Pero tamén a poética, da que destaca a “capacidade mobilizadora” de disciplinas “que deixaron de ser consideradas vandálicas ou marxinais”. Non obstante, o foco principal atópase na dimensión retórica, en como a arte urbana “influe na percepción comunitaria do espazo”, achegando “novos sentidos” á contorna e mudando “a forma na que a cidadanía se relaciona con esta”, unha dimensión á que, recoñece, non se lle prestara “demasiada atención no ámbito académico”.