DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de BBAA participa nun proxecto da Politécnica de Valencia sobre enfermidades autoinmunes

Arte para visibilizar como o corpo pode atacarse a si mesmo

Catro estudantes crearon as súas obras a partires do relato de persoas afectadas por estas doenzas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 27/02/2014

A creación artística pode contribuír a que a cidadanía adquira un maior coñecemento do que supón padecer unha enfermidade autoinmune, un tipo de doenzas, como a artrite reumatoide ou a esclerose múltiple, xeradas polo propio sistema inmunitario do paciente. Partindo dese precepto, a Cátedra Arte e Enfermidades da Universidade Politécnica de Valencia puxo en marcha un proxecto no que se buscaba que o alumnado elaborase unha obra orixinal a partires do contacto persoal con enfermos e enfermas. Estudantes de diferentes partes de España e de universidades de Francia, Italia, Alemaña e Canadá participan nunha iniciativa da que tamén formaron parte Yolanda Ríos, Gonzalo Rey, Manuela Elisabeth Rodríguez e María Prada, catro estudantes de Belas Artes que recentemente presentaron as súas creacións ás persoas que lles serviron como fonte de inspiración.

“O obxectivo desta iniciativa é que os artistas traballen para sensibilizar e concienciar sobre o que supoñen este tipo de enfermidades, non demasiado coñecidas”, explica Juan Carlos Meana, decano da Facultade de Belas Artes. Coa colaboración de Asearpo (Asociación de enfermos de artrite de Pontevedra) e de Acu Vigo (Asociación de enfermos de Crohn e de colite ulcerosa), este centro promoveu no mes de setembro un encontro entre os catro estudantes e persoas afectadas por este tipo de doenzas e familiares. Esta reunión serviu como punto de partida para un proceso creativo que deu como resultado final catro obras creadas precisamente a partires dese contacto cos enfermos e da análise realizado polos participantes sobre este tipo de enfermidades. Rematados os traballos e antes de envialos á Politécnica de Valencia, que organiza diferentes exposicións cos proxectos impulsados no marco desta iniciativa, as creacións destes catro estudantes foron presentadas a afectados e familiares, nun reencontro que foi resultou “unha experiencia moi positiva e gratificante”, como apunta Yolanda Ríos.

Unha proxecto de carácter internacional

Esta iniciativa da Cátedra Arte e Enfermidades insírese dentro do proxecto global Perspectives: Art, inflammation and me, que busca contribuír en diferentes partes do mundo ao desenvolvemento de obras artísticas dirixidas a visibilizar este tipo de doenzas. Por iso, as obras elaboradas polos catro estudantes do campus pontevedrés, ademais de participar nas diferentes mostras que organice a cátedra poderán formar parte tamén de exposicións internacionais. Ese é precisamente o caso de Watchdog, a escultura que Gonzalo Rey elaborou a partires de materiais reciclados e que foi seleccionada para a exposición que tivo lugar entre o 20 e 22 de febreiro en Copenhague con motivo do congreso da European Crohn´s and Colitis Organisation.

“É difícil situarse no lugar dunha persoa que está padecendo unha enfermidade grave, máis aínda cando é o teu propio corpo o que che ataca”, admite este estudante de doutoramento da facultade pontevedresa, que elaborou unha escultura con materiais de reciclaxe como un microscopio, unha papeleira ou cinta de embalar, para tratar de reflectir tanto “a fractura do corpo enfermo” como a importancia que ten a prevención para este tipo de doenzas, que enfocou a través dunha reflexión "sobre a endoscopia dixestiva, unha das probas máis habituais para detectar unha enfermidade inflamatoria intestinal crónica".

O relato dunha afectada por artrite remautoide, “que non podía atender ao seu fillo pequeno mentres choraba” foi o punto de partida de Sementes do corazón, a animación que Manuela Elisabeth Rodríguez elaborou con acuarelas e lapis para este proxecto. Unha frase pronunciada pola persoa que inspirou o seu traballo (“podía máis a miña alma que o meu corpo”) serviu como punto de partida a un labor de investigación que esta alumna centrou “nas dificultades que supón esta enfermidade para a maternidade e a súa superación”.

Os prospectos como punto de partida

A obra proposta por Yolanda Ríos toma como punto de partida “un elemento moi presente na vida destas persoas”, os prospectos médicos. Esta estudante de posgrao creou a súa obra a partires de 2000 fotocopias dun destes escritos, que copia tras copia, “foise deformando e volvéndose ilexible”. A través desta sucesións de copias, Ríos buscaba formular “unha metáfora da enfermidade, das alteracións sufridas nos corpos das persoas afectadas”. Non en van, esta artista recoñece que a idea de que “o propio organismo se ataque a si mesmo”, foi a que máis lle conmoveu á hora de levar a cabo unha obra, Catrografías de la desintegración, na que tamén tratou de “reflectir “as inmensas ganas de superación destas persoas”.

Os prospectos médicos serviron tamén como base inicial para o proxecto de María Prada, que centrou o seu traballo na artrose. Na primeira xuntanza que mantiveron con afectados con esta doenza, esta alumna de doutoramento puido coñecer “os diferentes medicamentos que lles subministran, que teñen uns prospectos enormes”. A través do pregado, Prada tentou vinculalos coa “deformación que esta enfermidade produce nas extremidades das persoas enfermas”, explica esta estudante, para a que resultou moi positiva a oportunidade que esta iniciativa supuxo para “aplicar os teus intereses artísticos a unha demanda social e ofrecer visibilidade a unhas enfermidades que, a pesares do que poidan parecer, sonnos moi próximas”.