DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Biblioteca central acolle unha mostra das pezas presentadas á primeira edición desta iniciativa

Artelleta ou como converter un pano de mesa nunha obra artística

Nas cafetarías do campus e da cidade xa se poden deixar novas creacións

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 15/05/2013

Todo comezou, explica Miguel Doval, observando unha escena nun café da cidade. Nunha mesa próxima á súa, un home debuxaba nun pano de mesa de papel. Despois de pagar e marchar, o camareiro dispúxose a recoller a mesa do cliente e alí atopouse un agradable regalo, unha moi lograda caricatura súa, que ensinou á xente que alí se atopaba. Froito daquel momento e como responsable do colectivo cidadán Anacos da Cidade, Doval decidiu o ano pasado convocar a primeira edición de Artelleta, un Concurso de arte en servilleta: relato, poesía, ilustración…, cuxos traballos se amosan agora na Biblioteca do campus de Ourense.

A exposición, comenta Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus de Ourense, celébrase coincidindo coa celebración este mes de maio da segunda edición da iniciativa. “Este ano unímonos á iniciativa porque nos parece fantástica e ademais da mostra, convidamos a todos os membros da comunidade universitaria a participar nela, deixando as súas creación nas caixas de Artelleta que están colocadas nas cafetarías do Edificio Politécnico e da propia Biblioteca”, apunta Filemón Rivas.

Unha teteira sobre o pouso do té e moito máis

As persoas que se acheguen á Biblioteca universitaria a ver a mostra poderán sorprenderse coa calidade literaria e artística das pezas presentadas, que están feitas sobre os habituais panos de mesa de papel de calquera cafetaría. Son debuxos a bolígrafo ou a cores, poemas, relatos ou viñetas que, sen importar a pobre calidade do soporte, amosan toda a imaxinación e sensibilidade artística dos seus creadores. A Ponte Romana, a Ponte do Milenio, un bar, unha muller, unha teteira feita sobre o pouso do té e un longo etcétera de imaxes de lugares, persoas e obxectos compoñen as dúas trandeira situadas na entrada da Biblioteca central do campus. Entre os textos, moitas gabanzas a Ourense e moitos sentimentos que se coan entre café e café.

“Na primeira edición presentáronse arredor de 80 pezas, das que fixemos unha selección para esta exposición. Á xente parece que lle gustou a idea e este ano xa comezaron a preguntarnos pronto se a íamos repetir, así que nos animamos a facer esta segunda edición, na que agardamos que máis persoas se animen a deixar as súas creacións artísticas, do tipo que sexa, pero sempre empregando os panos de mesa de papel do local como lenzo”, explica Miguel Doval.

A intención do colectivo, apunta o seu representante, é conseguir no futuro recoller as pezas nunha publicación que permita garantir a conservación e a difusión destas expresións artísticas realizadas sobre un soporte orixinariamente efémero. Deste xeito, animan aos membros da comunidade universitaria e aos cidadáns en xeral a que este mes se acheguen a unha das cafetarías da cidade a coller un pano de mesa de papel, a deixar nela un pouco da súa creatividade e a depositalo na furna habilitada por Artelleta en cada local para recollelas.