DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa inclúe 13 actividades diferentes e a proxección de 12 filmes en dous ciclos ata finais de

Artes escénicas adaptadas ao espazo, música e cinema na primavera da Casa das Campás

O vicerreitor, Jesús Hernández, destacou da escolla “a busca da intelixencia sensible nas pequenas c

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 08/04/2010

A Casa das Campás abre unha nova quenda da súa habitual programación de primavera. Ao longo de abril e maio acollerá 13 actividades diferentes que abranguen conferencias, cursos, cinema, teatro, música e danza, co obxectivo de ampliar os usos do edificio e de achegar este espazo á comunidade universitaria e á sociedade en xeral.
O vicerreitor do campus, Jesús Hernández, e a directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do Campus de Pontevedra, Ana Belén Fernández Souto, destacaron hoxe na presentación da programación a nova edición da sección Interzonas, que inclúe os espectáculos Os Dildos de Chévere, Menos 1 de Pisando Ovos e Duques de Bergara Unplugged de Sergi Faustino, así como a actuación de Lloréns Barber, moi axeitada para o lugar pola súa música feita con campás.
“Buscar a intelixencia sensible nas pequenas cousas” é a base deste programa, segundo indicou o vicerreitor, que remarcou que “ao igual que nas anteriores edicións, foxe dos grandes eventos e traza un eixo polifórmico con diferentes disciplinas, sempre marxinais, pero moi centradas”. Pola súa parte, Ana Belén Fernández, salientou “a orientación máis lúdica e espectacular da programación de primavera fronte á formativa da de outono”.

Interzonas, as outras linguaxes das artes escénicas

A sección Interzonas busca adaptar a obra dos artistas ao espazo para ofrecer unha nova perspectiva do edificio. É unha chamada de atención sobre traballos moi persoais, que incorporan linguaxes novas e unha vontade de xogo co público.
Os Dildos, que chegará ao campus o 23 de abril, é un fragmento da obra Testosterona e está pensado para representar en espazos non teatrais, porque non precisa de iluminación e grandes escenarios. De xeito semellante, Duques de Bergara Unplugged preséntase sen escenografía para que sexa o espectador quen constrúa coa súa propia imaxinación o contexto da historia.
Manteñen esa busca de proximidade co público a peza de danza contemporánea Menos 1, a música do compositor valencián Lloréns Barber e o son do clavecín de Anaí Lago. Esta última pechará a programación o 28 de maio cun concerto titulado Couperenianas.

12 proxeccións en dous ciclos de cine

O cinema volve ocupar un espazo fundamental na primavera das Campás con dous ciclos nos que se proxectarán 12 longametraxes. O primeiro, co título O final de historia e coordinado pola profesora Berta Paz, desenvolverase na EU de Fisioterapia e abordará aspectos relacionados coa saúde. Pretende xerar reflexións compartidas a partir dos argumentos con cinco persoas convidadas: a doutora da Universidade de Brighton Raija Kuisma, o director de Special Olympics Internacional David Evangelista, o actor Álex Angulo, o artista Vicente Blanco e a cantante Pilar Martínez Pilocha.
O segundo ciclo, Do tormento ao éxtase, coordinado polo profesor Suso Novás, fai unha escolla dentro da corrente do Novo Cinema Alemán. Proxectaranse filmes de A. Kluge, Volker Schlöndorff, Werner Herzog e Win Wenders, entre outros directores.

O Seoane artista, moda, exposicións e cursos

Entre os días 20 e 21 de maio, a Casa das Campás acollerá o encontro dedicado a analizar o universo artístico e plástico de Luis Seoane, unha actividade complementaria do congreso internacional que se está a desenvolver estes días no Consello da Cultura Galega con motivo do centenario do nacemento do creador. Intervirán especialistas na súa obra como Alberto Ruiz de Samaniego, Miguel Fernández-Cid, Ángel Cerviño ou Antón Castro.
Ademais, todos os xoves desde o 15 ata o 27 de maio haberá unha cita co sector da moda no ciclo organizado por Esdemga. O xornalista Abraham de Amézaga, a arquitecta Guadalume Piñeira, o creativo Gaspar Sobrino, o cineasta Oskar Tejedor e o estilista Óscar de la Visitación, achegaránlles aos asistentes distintas versións do sector do deseño téxtil e a moda.
Completan a programación a nova mostra da Sala X, Performance en 6 tempos de Elías Pérez, as Aulas Abertas de Danza a cargo da compañía Entremáns e os cursos de formación permanente Xeometría dinámica con Cabri Geometre e Deseño editorial: Introdución ao proceso de maquetación de publicacións.