DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A xornalista Tachy Mora inaugura a sétima edición dos ‘Xoves de Moda’

A artesanía volve seducir a público e industria

A experta explicou como o sector do deseño reinterpreta técnicas tradicionais para innovar

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 12/04/2012

Reinventarse mirando cara atrás. O mundo do deseño e da moda atopa un “perfecto aliado” na artesanía, experimentando con algunhas das súas técnicas tradicionais. Esta tendencia, “que vén para quedarse”, foi o tema da primeira sesión dunha nova edición dos Xoves de Moda organizados por Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, na que Tachy Mora, xornalista especializada no eido do deseño e habitual colaboradora en El País, explicou como a artesanía contemporánea está a facerse un oco no mercado. “A actividade artesá estase convertendo nunha alternativa cada vez máis demandada tanto pola industria como por un público afín aos valores de produto feito a man”, destacou a xornalista.

Esta simbiose entre deseño e artesanía xorde por varios motivos. Por unha banda, as producións masivas “provocaron un efecto de desidia entre un certo sector da sociedade que comeza a demandar unha contorna menos despersonalizada e de maior calidade”, sinalou Mora, e por outra banda, o aspecto económico, “pois o sector comprobou que o modelo anterior non era nada sustentable” o que provocou que a propia industria se fixase no sector artesán “procurando producións máis pequenas con mellores condicións, dado que era imposible competir coas tiradas masivas a prezos de risa”. Por tanto, a experta afirmou que esta tendencia no deseño “non é unha mera moda pasaxeira”, máis ben un cambio de mentalidade que conta coa complicidade dun público “que manifesta sensibilidade por valores como a orixinalidade, a destreza ou a calidade dun produto artesán”.

Para a xornalista, esta nova tendencia de colaboración entre deseño e artesanía non se traduce nunha mera recuperación das técnicas tradicionais para que non desaparezan, senón de facer que evolucionen igual que o fai a sociedade contemporánea. “Algúns dedícanse a preservar a artesanía tradicional, outros desenvólvense nun plano máis artístico ou están especializados en traballar con procesos complicados, pero tamén están aqueles que pretenden facer evolucionar o produto artesán mediante a experimentación que é o que se considera artesanía contemporánea”, diferenciou. Nesta liña, engadiu que a clave está en desenvolver unha mentalidade innovadora, “senón será moi difícil que se conecte co consumidor espelido do momento”.

22 casos como exemplo

A convidada presentou ao alumnado de Esdemga a súa última publicación, Artesanía Española de Vanguardia. Innovación y diseño en las industrias artesanas contemporáneas, que recolle 22 exemplos de negocios exitosos, dende pequenas estruturas integradas por un só artesán ata grandes empresas, seleccionados polo seu carácter innovador, pola súa interacción co mundo do deseño , pola calidade da súa proposta ou polo seu nivel de creatividade. Mora sinalou que este tipo de recompilacións poden achegarlle aos futuros profesionais do deseño e da moda referencias empresarias nas que inspirarse “e que lles sirvan de guía se están pensando en montar algún tipo de negocio sobre produción artesanal”.

Tachy Mora aproveitou a súa visita ao campus pontevedrés para aconsellar ao alumnado de Esdemga que “nunca deixe de traballar segundo oo seu estilo persoal, porque iso é o que conta”. Confesou que un proxecto “honesto cun mesmo”, teña ou non éxito, sempre será producido con convicción, “coa confianza de ter feito algo no que se cre e co que nos sentimos realizados”. Os Xoves de Moda volven a vindeira semana coa deseñadora independente Miriam Ponsa, que combina técnicas modernas con outras máis artesanais, como o punto do tear manual coas que integra o saber facer tradicional no deseño contemporáneo.