DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O artista Elías Pérez xoga coa xestualidade mínima na nova mostra da Sala X

A exposición "Performance en 6+2 tempos" permanecerá aberta ata o 14 de maio

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 15/04/2010

A Sala X vén de inaugurar nova exposición. Desde hoxe e ata o vindeiro 14 de maio poderá verse a proposta Performance en 6+2 tempos do artista albaceteño Elías Pérez, unha ollada á xestualidade mínima e aos recullos do corpo a través da arte dixital. Ao mesmo tempo realiza unha revisión da historia e das tendencias da arte contemporánea cunha referencia á arte de acción, pois o que semellan performances realizadas por modelos e rexistradas en fotografía e vídeo, son realmente imaxes construídas dixitalmente.

Da serenidade á rabia en seis fotografías

A mostra abrangue tres pezas. A primeira delas é unha serie de seis fotografías dixitais de gran formato na que se ve un corpo feminino realizando accións básicas, de aí o seu título, Performance en seis tempos. Acción básica 1 a 6. “O que se pode intuír é unha transición que comeza na serenidade e que pasa por unha serie de estados como a rabia e a impotencia, ata volver á calma”, explica o artista. Son xestos moi comedidos, nos que as figuras aparecen sobre un fondo negro e tratadas de xeito moi escenográfico.
Aínda que parecen o mesmo rostro e o mesmo corpo, cunha observación máis detida pódese percibir que van mudando como se fosen varios membros da mesma familia. En realidade son construcións fotográficas a partir de diferentes trazos dun mesmo grupo de persoas. “É un xogo co corpo, a performance, a propia historia da arte e tamén a fotografía e a súa relación coa realidade, pois amosa corpos moi definidos, nos que se percibe mesmo a textura da pel, pero que son construcións”, comenta Elías Pérez ao respecto.
As outras dúas pezas, tituladas Un e cen retratos sobre fondo branco e Un e cen retratos sobre fondo negro son dous vídeos con música de Leopoldo Amigo. Neles van aparecendo anacos de pel de persoas diferentes e de diferentes idades sobre un rostro base construído como un molde de escaiola. Segundo o autor, acompañan á peza central cunha mesma intencionalidade, ese xogo facer unha aproximación á verosimilitude corporal a través dunha construción artificial.
No relativo á serie fotográfica é a primeira vez que se exhibe, mentres que as outras dúas pazas xa se puideron ver no seu formato fotográfico en mostras anteriores.

Liña de traballo con artistas-profesores

Esta mostra encádrase nunha das liñas de traballo habituais da sala, como explica o seu coordinador, Xosé Manuel Buxán Bran: “dende a creación do espazo fomos contando sempre na programación con propostas de artistas-profesores doutras facultades de Belas Artes do Estado”. Neste sentido lembra as exposicións individuais de docentes que se teñen feito con anterioridade, como a de José María Lillo en 2008, da Facultade de BBAA de Cuenca da Universidade de Castela A Mancha, a de Jaime Lorente en 2007, profesor na Facultade de BBAA da Universidade Europea de Madrid, ou, no ano anterior e desa mesma universidade, a de Ramón González Echeverría. “Nesta estela de invitacións enmárcase esta proposta de Elías Pérez, neste caso procedente da Universidade Politécnica de Valencia”, engade Buxán.
Pola súa parte, Elías Pérez destaca a “boa interacción que mantiveron sempre as facultades de Valencia e Pontevedra a nivel académico e institucional” e valora a nivel persoal o feito de ser convidado a realizar esta mostra: “profesionalmente apetecíame expoñer neste espazo, polo que o convite me resultou moi interesante”.