DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O docente da Facultade de Belas Artes protagoniza a exposición ‘Wunderkammer’

O artista e profesor Suso Fandiño explora no CGAC a “dimensión política” da arte 

A mostra pode visitarse ata o 15 de maio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 06/04/2022

A idea dos gabinetes de curiosidades ou “habitacións das marabillas”, unha serie de espazos nos que, a partir do Renacemento, nobres, reis ou burgueses reunían as súas coleccións, nas que as obras de arte convivían con obxectos de exóticos, constitúe un dos puntos de partida da exposición que protagoniza no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela, o artista e profesor da Facultade de Belas Artes Suso Fandiño. Baixo o título de Wunderkammer, termo alemán que, como explica, foi o primeiro que puxo nome ao que en español se coñeceu posteriormente como “gabinetes de curiosidades”, Fandiño reúne un conxunto de obras que propoñen “unha serie de vías e ligazóns pouco habituais” e que se conectan pola, como sinalou o CGAC, “dimensión política baseada na interrogación do espectador” que caracteriza as súas obras.

“Non quería que houbese un fío condutor moi visible”, recoñece este artista e profesor asociado da exposición comisariada por Mónica Maneiro, que poderá visitarse ata o 15 de maio. Na mostra poden atoparse tanto tres grandes instalacións producidas especificamente para este espazo museístico como diferentes series integradas por elementos como mapas, libros ou postais, que remiten tamén a esa idea dos gabinetes de curiosidades. Nun proxecto expositivo que ten como eixo a idea do ready made, do “obxecto atopado”, Fandiño reúne unha serie de pezas “que teñen unha conexión común que se refire á historia da arte, pero que son caóticos”, recoñece. “Interésame moito a dinámica dos ready made, na que se produce unha sorte de linguaxe que o espectador acaba descifrando”, engade dunha proposta que parte de sacar eses obxectos “do seu contexto habitual e relacionalos entre si”, de tal xeito que “xéranse paradoxos, metáforas e unha serie de figuras retóricas que para min son moi interesantes”. De feito, na exposición conflúen as súas facetas de artista e de historiador da arte, posto que parte das súas pezas teñen como punto de partida “obxectos que moitas veces son desfeitos historiográficos, documentos, catálogos, edicións especiais..., materiais que só serven como reliquia para o investigador”, pero que, como creador, lle permiten achegar o “enfoque da microhistoria, do obxecto de cada tempo”. 

A dimensión política da arte

Unha das propostas ás que Fandiño deu forma para esta exposición é Pavillón errante, unha instalación emprazada no espazo con dobre altura do museo e na recrea os mastros da fachada do Pavillón da República Española na Exposición Universal de París, que, como informou a Consellería de Cultura, “contiña entre outras obras paradigmáticas un Guernica que foi pintado para esa ocasión e que nunca estivera realmente en territorio español”. Trátase, como sinala o artista, “dunha representación a escala 1-1 de parte dese pavillón”, que representa á súa vez “o momento no que a historia da arte española internacionaliza as vangardas, no que decide dalgunha maneira autorrepresentarse desde o contemporáneo”. 

Propostas como esta instalación de grandes dimensións conectan directamente con esa idea do “uso político da arte”, presente en toda a exposición e que ocupou en boa medida o labor como investigador deste doutor en Belas Artes, que centrou a súa tese no impacto que tiveron na arte as políticas levadas a cabo polos diferentes gobernos de España tras a transición. “Como investigador traballei fundamentalmente dentro do fenómeno da patrimonialización e estatalización do obxecto artístico e, dalgunha maneira, toda a exposición é unha certa lectura do que chaman ‘sistema arte’, que a min gústame chamar historia da arte española no século XX”, engade Fandiño, que incide en que “calquera comportamento artístico é político en si mesmo”. 

Esa dimensión política faise presente tamén en pezas como os neóns Azul e Rojo, que  se combinan noutra das instalacións site-specific, na que cada palabra ilumínase coa cor da outra e coa que propón “unha lectura desde o contexto español que traslada ata certo punto unha certa incredulidade do que pasa hoxe en día”, no que lle parece “unha visión borrosa” dos conceptos esquerda e dereita. Trátase dunha obra sustentada, como recoñece, en “textos para ser vistos e imaxes para ser lidas”, que pon de relevo á súa vez a importancia que Fandiño outorga ao texto como material artístico, eixo á súa vez da exposición In Gold We Trust, que presentaba recentemente no espazo Sirvent de Vigo. 

“Pechando o círculo” no GCAC

Aínda que as súas creacións xa estiveran presentes en exposicións colectivas como Cultivar incertezas, coa que o CGAC conmemoraba o pasado o 30 aniversario da Facultade de Belas Artes, Wunderkammer é a primeira exposición individual de Fandiño neste espazo museístico, enmarcada no seu programa de apoio a “artistas galegos de media carreira”. De feito, a mostra reúne tanto obras realizadas especificamente como pezas de hai máis de 15 anos, coa idea de achegarse tamén á traxectoria deste artista e docente. Nese senso, Fandiño recoñece que poder expor neste espazo supón para el algo "moi emotivo", que implica dalgún xeito “poder pechar un círculo”, xa que na súa etapa como estudante de Belas Artes “o CGAC era para nós unha especie de facultade bis, que completou a nosa formación universitaria dunha forma fantástica”.