DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Fernando Casás fai balance da súa traxectoria profesional cunha exposición no CGAC

O artista que dialoga coa natureza

Está considerado pola crítica internacional como un dos iniciadores desta corrente que conxuga arte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 24/10/2012

Metade brasileiro, metade galego, o profesor da Facultade de Belas Artes Fernando Estarque Casás fai balance dos seus máis de 40 anos de traxectoria artística coa exposición inédita O agora xa foi e o denantes será no Centro Galego de Arte Contemporánea, CGAC, e que verá a luz este venres. Considerado pola crítica especializada como un dos iniciadores do movemento Arte e Natureza, Casás busca facer retrospectiva dende os anos 60 ata a actualidade da súa extensa obra, situada sempre á marxe das regras tradicionais e afastada da imposición de xéneros e materiais “do gusto contemporáneo”, co propósito de lograr a “máis íntima experiencia coa realidade”. Esta exposición antolóxica dará visibilidade ás distintas liñas de traballo do artista, con pinturas, escultura, accións efémeras e intervencións específicas, incluíndo pezas inéditas creadas para as salas do CGAC.

Fernando Casás, que imparte docencia en Belas Artes dende os primeiros pasos da facultade en 1991, sempre buscou que a súa obra mantivese un “constante diálogo” coa natureza, de aí que estea considerado como un dos precursores deste movemento artístico conceptual. Traballa coa enerxía que emana da propia natureza e pon especial énfase na transitoriedade primando a “ética ante a estética” e buscando que o propio espectador sexa quen desvele o contido da obra. A contorna na que naceu e se criou influíu moito na súa especialización, xa que “nas estadías preto dos trópicos, concretamente en Brasil, é onde empecei a traballar coa arte na súa relación coa natureza, tendo unha presenza perturbadora e constante”, lembrou o artista. As obras inscritas dentro deste movemento teñen como característica que se mesturan coa súa contorna natural, borrando as fronteiras entre arte e natureza e invitando á reflexión.

Para Casás a arte non é inspiración, senón “un método de indagación, onde o concepto e o seu desenvolvemento son en si mesmos máis importantes que o seu resultado formal”. É máis ben un proceso de investigación e tenta buscar coas súas obras conexións con outros campos do coñecemento humano como son a astronomía, a arqueoloxía, a filosofía, a física ou as matemáticas.

Un percorrido por unha vasta traxectoria

O certo é que máis de 40 anos de carreira profesional dan lugar a unha “vasta traxectoria” na que se distinguen algunhas vías básicas e recorrentes, como o “seu vector básico”, a noción do tempo e a transitoriedade, liñas fundacionais da obra de Casás. “Traballo co paso do tempo e da memoria, coa idea de que somos parte dun todo que é a enerxía. Vivín moitos anos en Brasil e alí a vida desenvólvese moi rápido, todo nace, todo morre e ao mesmo tempo todo transfórmase cunha rapidez incrible”, reflexionaba o artista nunha das súas anteriores exposicións. Así, nos seus inicios preocupouse por captar o instante, pero tamén por tentar marcar a territorialidade, unindo a reflexión do tempo coa de lugar. Coa década dos 70, Casás centrouse en investigar a materia en estado natural para amosar como perde o seu significado intrínseco se se “despega do seu hábitat orixinal”. A fosforescencia como metáfora da enerxía da natureza, á que lle ten dedicado numerosas mostras tanto en España como en Brasil; a manipulación de materiais comúns, tales como a terra, o barro, o ferro ou o chumbo para construír metáforas sobre o camiñar dun viaxeiros; as súas reflexións artísticas sobre o cosmos a partir de restos arqueolóxicos; o desexo de querer atrapar o movemento natural da auga; as súas grandes esculturas transformadas en obras públicas ou as súas obras críticas sobre a situación de América Latina resumen as principais inquedanzas ás que Casás dedicou gran parte da súa vida profesional.

O agora xa foi e o denantes será, comisariada por Miguel von Hafe Pérez, inaugúrase este venres 26 de outubro ás 20.00 horas no CGAC (Rúa Ramón del Valle Inclán s/n, Santiago de Compostela). Estará aberta ao público ata o vindeiro mes de febreiro de 2013 de 11.00 a 20.00 horas, a excepción dos luns, nos que a sala permanecerá pechada.