DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Exploran a identidade e as redes como obxectos de investigación artística

Artistas difusos sorteando as “redes severas” de comunicación e control

Nunha exposición aberta na Casa das Campás ata o 11 de xaneiro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 14/12/2009

Dezaseis artistas do Equipo Según PE1, pertencente ao grupo de investigación Modos de Coñecemento Artístico (MODO), dirixido por Juan Fernando de Laiglesia, veñen de presentar na Casa das Campás unha colección de obras baixo o título Suxeitos difusos en redes severas. Nesta mostra os creadores, entre os que hai estudantes de terceiro ciclo, doutorandos e doutores da Facultade de Belas Artes, interveñen no espazo propoñendo imaxes sobre unha das preguntas radicais do mundo contemporáneo: o lugar do suxeito creador no tramado social. O obxectivo é “reflexionar sobre a situación actual de intersubxectividade nas relacións sociais e buscar na arte unha resposta ás tramas que se xeran”, explica De Laiglesia. “O suxeito é dialóxico e necesita difundirse, algo que ás veces coartan determinadas redes como as macrofinancieiras ou as virtuais”, indica o profesor, quen precisa que a mostra busca “aplicar a mirada da arte sobre esas redes opacas que atan ao suxeito”.
Deste xeito, Begoña Ante, Elsa Armentia, Ronda Bautista, Antonio Bonome, Martín Caeiro, Carolina Caluori, María Castellanos, Olalla Cortizas, Miguel Cuba, Sara Fuentes, Andrea Jambrina, María Magán , María Marco, Uxía Piñeiro, Silvia Prieto e Beatriz Sieiro afondaron nesas redes como estrutura social de comunicación e control, creando unha exposición multidisciplinar de catorce pezas, moi distintas e entre as que se pode ver escultura, performances e instalacións. Alén do traballo de investigación desenvolvido nun tempo dilatado, os artistas tiñan como condición para esta mostra a presentación de proxectos express, resoltos con rapidez. O conxunto, que pode contemplarse ata o vindeiro 11 de xaneiro, quedará englobado nunha última obra que se desenvolverán no tempo que dura a exposición. Co título Percorridos, rastrexará os distintos significados que poden adquirir as pezas “nunha sorte de rede de redes ou mapa de rutas”, salienta De Laiglesia.
Esta exposición é, ademais, unha continuidade do traballo comezado hai anos co proxecto Facer e deixar facer, que analizaba a oportunidade ou non de determinadas accións e denunciaba intervencións incorrectas desde o punto de vista paisaxístico.

Representación dos muros que limitan ao ser humano e das redes da súa conciencia

Durante a inauguración da exposición tivo lugar a performance Just a moment, I'm eating my wall, una performance inspirada na arte de acción dos anos 70 de artistas como Marina Abramovic ou Ana Mendieta, que pretendían sensibilizar á sociedade mediante intervencións simples pero moi contundentes. Esta obra, tal e como indican os seus creadores, traballa sobre o burka das mulleres afgás e pretende cuestionar as diferenzas culturais como un muro infranqueable, “o velo como representación de todo tipo de muros que poden limitar ao ser humano”. Durante a acción os artistas comeron unha especie de bolsa que lles cubría o rostro, “como elemento que impide a comunicación e a expresión”. Realizada a modo de acto inaugural, filmouse para convertela posteriormente nunha peza da mostra.
Entre outras pezas, na Casa das Campás pode verse un torso iluminado que representa “a transparencia da conciencia”. Sobre a mesa do bedel do edificio hai uns monitores que evidencian as redes de vixilancia. Nun corredor, sobre o cristal, deseñouse un esquema da Árbore de Porfirio como simulación das ramificacións da conciencia e do coñecemento. No vestíbulo situado diante do almacén situouse un conxunto de frascos con órganos corporais dentro acompañados dunha gravación da paisaxe sonora da cidade de Pontevedra. Segundo o coordinador da mostra, Juan Fernando de Laiglesia, “actúa como un corpo expandido que palpita como se fose unha rede real”. Nunha última sala poden verse dúas proxeccións. Nunha vese unha porta aberta, “a saída cara a novos horizontes”; e na outra todos os participantes da exposición enuncian unha parte dun verso, “símil dunha orquestra que os une nun mesmo tecido”. Pode consultarse información específica sobre cada peza no blog do proxecto. A mostra completarase tamén coa edición dun catálogo.