DUVI

Diario da Universidade de Vigo

"Reflexións novas" é o título da mostra, que estará aberta ata o 4 de marzo

Artistas da Facultade de Belas Artes expoñen na galería Sabor Amenta de Compostela

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 08/02/2010
Carlos Aldao e Alba Fandiño, dous ex alumnos e investigadores da Facultade de Belas Artes, expoñen, xunto con outra creadora, Sabela Ruibal, na galería Sabor Amenta de Santiago de Compostela ata o vindeiro 4 de marzo. “Reflexións novas” é o título da mostra, unha colectiva que reúne unha pequena selección de artistas emerxentes realizada polos organizadores deste novo espazo cultural. Aldao presenta a súa serie pictórica Conversas íntimas, composta por doce pezas que reproducen espazos lumínicos, mentres que Fandiño expón Cuasi-bonito, un compendio de nove pezas que inclúen fotografía, gravado, pintura e escultura.

A luminosidade do espazo

No seu traballo, Carlos Aldao reproduce cunha técnica nova e depurada, na que a cor é a clave, a luminosidade de diferentes estancias. “Esta busca vén desde o meu traballo de investigación, no que adoptei a actitude do espía e centrei a miña atención nos espazos íntimos”, relata o artista para explicar como descubriu a importancia dos efectos lumínicos sobre o espazo e como comezou a experimentar diferentes técnicas con plantillas e gouache sobre papel para reflectilos. Reconstrúe deste xeito a realidade, “xogando coa saturación e o contraste das cores ata un punto no que parecen vibrar e conversar cun mesmo”, sinala.
Entre as doce pezas que presenta Aldao, inclúe unha na que emprega un gran rolo de papel de debuxo perforado con diferentes diámetros en toda a súa dimensión, que xa estivo exposta na Fundación Laxeiro. A peza exhíbese parcialmente desenrolada, indicando que hai máis traballo na obra do que se aprecia. Quere aludir deste xeito á repetición e á monotonía da rutina, “que nos impide percibir o paso do tempo e facer as cousas que son verdadeiramete importantes”.

Obxectos do cotiá

Nas obras presentadas por Alba Fandiño destaca a maneira de empregar os materiais, facendo explícita a súa forma, peso, textura e cor, ou mesmo a súa transparencia e o seu brillo. A artista presenta unha serie de obxectos extraídos da cultura popular, do cotiá ou de espazos pequenos e íntimos. Trátase deses obxectos que permanecen nas nosas estancias sen que ninguén se fixe neles, pero que axudan a facelas máis cálidas e confortables. Pero a súa proposta non queda aí, senón que deconstrúe eses obxectos e a partir dos materiais cos que están elaborados reflexiona sobre os roles do artista moderno, revisando diversos modos de facer arte e partindo do action painting e da abstracción norteamericana de principios dos oitenta, na que tamén está centrado o seu traballo de doutoramento. Empregando estes modos e modelos, trata de atopar o estilo propio.