DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra Creámos(nós) poderá visitarse no Cenima de Foz ata o vindeiro 28 de setembro

As artistas falan en primeira persoa na Mariña lucense

Ex alumnas de Belas Artes e Publicidade e Relacións Públicas colaboran na exposición

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Iolanda Fernández DUVI 09/09/2013

Con motivo do Día da Muller, o pasado mes de marzo, a xestora cultural e ex alumna da Universidade de Vigo Paula Cabaleiro organizou unha mostra expositiva no Auditorio de Cangas do Morrazo baixo o nome de Creámos(nós): mulleres artistas en 1ª persoa. Tan só seis meses despois, Basilisa Fiestras e Paz Vicente promoven a segunda edición deste proxecto artístico en clave feminina que se poderá visitar ata o vindeiro 28 de setembro no Cenima de Foz (Lugo). Nesta ocasión, 27 artistas, algunhas delas xa presentes na primeira edición desta exposición itinerante, utilizan novamente diversos soportes para dar a coñecer o seu traballo “deixando a un lado a súa individualidade para poder participar nun proxecto colectivo que pretende sumar, visibilizar, apoiar e xerar sinerxias ao redor da figura da muller e da arte", aseguran as dúas comisarias.

A complexa relación existente ao longo da historia entre a muller e a arte parece ter mudado pouco a pouco nos últimos tempos pero, proxectos artísticos como Creámos(nós) II poñen de manifesto a necesidade de seguir promovendo o labor que fan as artistas e creadoras galegas que participan en iniciativas coma esta. "A pesares de que a miúdo actuamos como se a visibilidade da muller na arte fose un tema xa superado, estamos nunha época marcada pola crise económica e a desigualdade e na que moitas de nós intentamos crear, medrar e loitar por conseguir esa anelada visibilidade" asegura Basilisa Fiestras, comisaria da mostra e doutoranda da Universidade.

A exposición que agora se presenta na Mariñal lucense tenta ser novamente unha chiscadela tanto ao pensamento feminista como ás achegas realizadas polas mulleres neste campo ao longo da historia tal e como destaca Fiestras. Este é un proxecto expositivo con diferentes liñas discursivas e un nexo común, argumentadas dende a pintura, a escultura, os gravados e a fotografía. “Un proxecto dedicado á produción artística feminina en Galicia nun diálogo multixeneracional e heteroxéneo no que atinxe ao seu eido xeográfico e disciplinas”, explica a artista, licenciada en Belas Artes.

Un amplo abano de pezas

Das 27 artistas que participan nesta segunda edición, un bo número delas formáronse no campus pontevedrés tanto en Belas Artes coma en Publicidade e Relacións Públicas. Ao igual que na súa primeira edición, Creámos(nós) II conta coa colaboración desinteresada da profesora da facultade de Belas Artes Loreto Blanco que achega ata Foz dúas infografías realizadas en aluminio onde se entrelazan a natureza e a feminidade. Poñer en valor a figura da muller na arte e o traballo realizado polas propias artistas é dabondo para que exposición coma esta se promovan por todo o país, argumenta a profesora. “A calidade humana destas mulleres e tamén a calidade das súas pezas son un engadido máis para seguir participando en iniciativas coma esta”, conclúe.

Laura Piñeiro e Soraya Redondo son dúas licenciadas en Belas Artes pola Universidade de Vigo que tamén repetiron a experiencia e participaron por segunda vez nesta mostra. “Iniciativas coma esta posibilitan que esteamos en contacto unhas coas outras, creando así vínculos únicos e moi duradeiros”, comenta Piñeiro. Nesta segunda edición, a artista presenta dúas fotografías nas que a costura é protagonista absoluta. Un dedal e unha agulla representan a problemática social da muller na actualidade. Pola súa banda, Redondo elixiu dúas pinturas para presentar unha parte da súa obra en Foz. Na súa achega, as damas do século XV adquiren expresión e deixan a un lado esa estaticidade que caracterizaba os retratos da época. “Impulsar e apoiar ás mulleres artistas é prioritario nunha sociedade na que aínda non se nos valora o suficiente ou non polo menos como deberían”, salienta a artista.