DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás acolle as xornadas 'Pasado e Presente das Artistas. O Contexto galego'

Ás artistas galegas non lles saen as contas

A pesar dos avances conseguidos nos últimos 30 anos, as mulleres seguen a ter un menor recoñecemento

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 15/05/2012

“Dende a nosa experiencia no campo da arte e como docentes da Facultade de Belas Artes, consideramos que xa é tempo de reflexionar sobre a situación das artistas no contexto galego”, explican Almudena Fernández Fariña e Mar Caldas, polo que decidiron organizar as xornadas Pasado e Presente das Artistas co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade e que botan a andar esta tarde na Casa das Campás. O encontro, que nace co obxectivo de crear un espazo de debate sobre a produción e proxección das artistas, será inaugurado por Ánxela Caramés, comisaria e crítica de arte, que aínda que define ao panorama artístico galego como plural e aberto, “as artistas aínda o teñen máis complicado que os artistas”.

Estas xornadas, que se celebran por primeira vez no campus de Pontevedra, queren ofrecer un percorrido polos principais acontecementos que deron pulo á produción artística en feminino en Galicia. As dúas profesoras destacan en primeiro termo a emerxencia dun importante número de institucións artísticas na comunidade, entre elas a Facultade de Belas Artes en Pontevedra, “que na actualidade acolle un 70% de alumnas”. Engaden que a partir de finais dos 80 tamén comezan a levarse a cabo exposicións protagonizadas por obras de mulleres artistas ademais de iniciativas orientadas a promover o traballo de alumnas ou novas investigadoras “como as mostras organizadas por Yolanda Herranz ou o Proxecto de Visibilización que nós mesmas puxemos en marcha”. No ámbito da formación e da investigación universitaria, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e a Cátedra de Estudos Feministas “axudaron a desenvolver numerosas actividades para divulgar e proxectar o talento feminino”, sen esquecerse das novidades e innovacións introducidas polas mulleres no eido da arte “empregando soportes e formatos ata entón escasamente utilizados polas artistas", o que mudou a percepción que se tiña sobre a produción artística en feminino.

A pesar dos esforzos, aínda sen recoñecemento

Mar Caldas e Almudena Fernández Fariña confesan que, a pesar dos esforzos e dos avances conseguidos nestes últimos 30 anos, “observamos que as artistas seguen sen ingresar nos circuítos de arte, non logrando tampouco un recoñecemento similar ao dos compañeiros varóns”. Pero a esta situación de inferioridade hai que unirlle a falta de concienciación por parte das novas artistas “xa que non perciben unha situación desigual en relación ao xénero e, en ocasións, rexeitan as iniciativas que promoven a visibilidade das mulleres artistas polo temor de que os seus traballos sexan vistos dende unha perspectiva feminista”, apuntan.

Estratexias feministas nas artes visuais

As xornadas inaugúranse esta tarde da man de Ánxela Caramés, que ofrecerá un repaso polas principais prácticas feministas ao longo das últimas décadas. Como investigadora das artes visuais, define dúas liñas de traballo creativo feminista, unha vinculada coa subxectividade e outra crítica cos roles de xénero. “Estas dúas vertentes sempre tratan problemáticas sobre a identidade, as relacións persoais ou sobre a imaxe das mulleres, co obxectivo de xerar outra diferente á mediatizada pola sociedade”, explica Caramés que completa a exposición cun percorrido polas diferentes fases que sufriu este tipo de arte dende os 60 ata a actualidade. “Nun principio o traballo da artista estaba centrado no corpo e na revalorización do feminino para logo nos 70 pasar a desmitificalo ao entender que os xéneros son construcións socioculturais”, describe Caramés. Nos últimos 20 anos "predominan as artistas cunha tendencia a mostrar o corpo e a sexualidade de forma moi explícita cunha última etapa caracterizada por introducir novas identidades”, engade . Tras a intervención de Caramés proxectarase o documental Women Art Revolution, que explora a historia da arte feminista e “que se estreará por primeira vez en Galicia”, aclaran as organizadoras.

As xornadas Pasado e Presente das Artistas. O Contexto galego continuarán mañá mércores coa intervención da crítica de arte Chus Martínez, que revisará as exposicións e outras liñas de actuación que se levaron a cabo en Galicia para proxectar o traballo das artistas, e coa mesa redonda Tres artistas, tres xeracións, na que Pamen Pereira, Montse Rego e Victoria Diehl “achegarán a súa experiencia profesional dende o coñecemento práctico do campo da arte”.