DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugúrase a exposición ‘Miniaturas’ na Sala X da Facultade de Belas Artes

Artistas do mundo unidos por pequenas emocións

Congrega un total de 222 pequenas pezas creadas por alumnado e profesorado de tres continentes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 20/09/2011

Unha discreta cadea entre nacións, centros de ensinanza e persoas. A Sala X da Facultade de Belas Artes do campus inaugura un novo ciclo de exposicións para o curso 2011/2012 coa mostra Miniaturas, froito da colaboración de artistas de todo o mundo. Trátase dun proxecto de edición gráfica internacional de intercambio entre centros de ensinanza artística, no que participan 200 alumnos e profesores de 11 facultades e escolas de Arte de Bélxica, Brasil, Canadá, España, Francia e Serbia. “A relevancia radica en que non é común a participación nun mesmo proxecto de diferentes centros docentes tan afastados”, comentou Anne Heyveart, comisaria da exposición en Pontevedra.

O resultado, 222 pequenas pezas que non superan os 55 centímetros cadrados. Como explicou Heyveart, a mostra nace dunha iniciativa da artista belga Chantal Hardy, “quen lanzou unha convocatoria aos seus contactos artistas e docentes de gráfica contemporánea de centros de ensinanza de tres continentes co fin de actualizar o concepto de miniatura”. O obxectivo inicial provén da prestixiosa Biennale International de Gravure Contemporaine de Liége, en Bélxica, “o que supón unha posibilidade excepcional para o alumnado, xa que colaboran nun evento artístico de relevancia mundial”. Esta idea foi reforzada pola vicerreitora do campus, Antonia Blanco, quen salientou a importancia deste proxecto, “que sitúa no ámbito internacional á Facultade de Belas Artes a través do traballo do seu estudantado e profesorado”, ademais de facilitar a creación de redes de coñecemento e de cooperación “fóra das nosas fronteiras”, engadiu a vicedecana da facultade, Silvia García.

Unha homenaxe á miniatura

Máis aló da súa referencia ao tamaño, nesta exposición a miniatura “evoca aos tempos medievais e ao afastado Oriente nas ilustracións de manuscritos e códices que atravesaron continentes e séculos baixo temas relixiosos, narrativos, fantasiosos, científicos, ornamentais, en vestiarios…". Despois, cada escola, “dende a súa singularidade creativa”, abordou a proposta de miniatura baixo diferentes puntos de vista. Mentres que os máis de 25 participantes da Facultade de Belas Artes do campus, entre alumnado e profesorado, inspiráronse na problemática da gráfica contemporánea do campo expandido, dende París traballaron coa máxima Decir grandes cosas modestamente frente a tantas pequeñas cosas dichas con énfasis, e dende Bruxelas optaron por explotar o tema do segredo.

Tendo como protagonista a edición gráfica contemporánea, os participantes foron libres de empregar calquera das técnicas tradicionais ou dixitais, con proxectos bi ou tridimensionais, “pero sempre respectando o tamaño máximo”. O gravado calcográfico, a xilografía, distintos procesos dixitais, a serigrafía, a papiroflexia, combinados e pregados foron algúns dos métodos empregados na creación das miniaturas.

A Facultade de Belas Artes é o único centro de ensinanza español que participa nesta cadea de colaboración. A intención é que a mostra se expoña en todos os centros que participan no proxecto, de aí que a seguinte parada sexa a Galería da Facultade de Artes Visuais da Pontificia Universidade Católica de Campinas, en Brasil. Mentres non atravese o charco, a exposición poderase visitar na Sala X ata o vindeiro 4 de novembro de luns a venres en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 21.00 horas. A inauguración de Miniaturas serviu de despedida de Xan Buxán como coordinador da Sala X, tomando o cargo a profesora Mar Caldas para este novo curso.