DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arranca o 'II Proxecto de visibilización das obras das alumnas de Belas Artes e de CCSS e da Comunic

Artistas e protagonistas para lembrar que a igualdade está por chegar

A fachada da Biblioteca do campus “vístese” con pezas de seis creadoras da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 13/11/2012

“Arredor do 70% do alumnado da Facultade de Belas Artes está composto por mulleres. Sen embargo, as cifras no mercado invértense e son eles os que realizan máis exposicións e venden máis obra”. Deste xeito resumía Almudena Fernández, docente da Universidade de Vigo, a realidade que impulsou á posta en marcha do II Proxecto de visibilización das obras das alumnas de Belas Artes e de Ciencias Sociais e da Comunicación, unha iniciativa que este martes arrancou no campus de Ourense “vestindo” a fachada da Biblioteca central con obras de seis novas creadoras da Universidade de Vigo.

A presentación da iniciativa contou coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Anabel González, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo; Mar Caldas e Almudena Fernández, comisarias do proxecto e docentes da Facultade de Belas Artes, e varias das artistas implicadas. “A igualdade non é unha realidade presente e iniciativas coma esta axudan a visibilizar o traballo que realizan as mulleres, neste caso as artistas. Oxalá un día non teñamos que facer este tipo de actividades e homes e mulleres se incorporen con naturalidade ao espazo público, pero mentres ese día non chega temos moito traballo por facer”, destacou María Lameiras.

Segundo explicou Anabel González, o proxecto “é o proxecto estrela da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo” que naceu, advertiu, porque “os números seguen cantando” e a igualdade de oportunidades non é un dereito acadado na sociedade e tampouco no eido da arte. “Neste marco desfavorable de desequilibrios inaceptables, quixemos pór en marcha este proxecto de visibilización das obras das alumnas que rematan os seus estudos de Belas Artes e de Ciencias Sociais e da Comunicación e que comezan a súa andaina profesional”, engadiu Almudena Fernández.

26 creadoras

Nesta edición do proxecto participan 26 alumnas, que son Alba Blanco; Alicia Martínez; Ana G. Pascual; Ana W; Antía Cea; Belén Naveira; Carolina Sanches; Cillas Seyde; Cynthia Alfonso; Eugenia Suárez; Eva Calvar; Fernanda Llovo; Irene Saíñas; Iria Méndez; Laura Estévez; Lidia Alonso; Lúa Louro; M. Elizabeth Rodríguez; Margarita Araújo; María Prada; Nerea Carpente; Nuria Bouzas; Olalla Barrosa; Paula Naya; Paula Purriños e Sabela R. Zamudio.

As obras de seis delas foron escollidas para, en lonas de gran formato, cubrir partes da fachada do edificio da Biblioteca universitaria. “Buscabamos algo diferente e por iso empregamos un formato que dá visibilidade ao proxecto e ás artistas diante da comunidade universitaria", comentou Mar Caldas. Ademais, a obra das 26 participantes pode verse e “collerse” en forma de postal nuns expositores situados nas entradas dos edificios máis transitados dos tres campus da Universidade de Vigo. Por último, elaborarase un catálogo sobre o proxecto e coas obras das artistas implicadas. Precisamente, a publicación da primeira edición do proxecto vén de obter recentemente o Premio ao Mellor Catálogo nos Premios Anuaria, premios internacionais de deseño gráfico de España e Portugal.

Proxección de Alicia Framis

Esta actividade da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo verase complementada do 26 ao 30 de novembro coa proxección, tamén na Biblioteca universitaria, do vídeo Secret Strike Lleida, no que a artista Alicia Framis denuncia o inmobilismo institucional con respecto á violencia de xénero. Será no marco dunha acción itinerante polos tres campus organizada co gallo da conmemoración o 25 de novembro do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.