DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa sala La Perrera sirve de punto de encontro entre artistas, galeristas e institucións

Artistas valencianos presentan a súa aposta expositiva na Sala Alterarte

A mostra reúne os traballos destes creadores e poderá visitarse ata o día 22 de xullo

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 17/06/2010

Foi en outubro do ano 2008 cando 10 estudantes da Facultade de Belas Artes da Universidade Politécnica de Valencia decidiron xuntar a súa creatividade nunha casa particular á que deron forma de galería –La Perrera- para acoller os seus propios traballos. Organizaron entón unha serie de exposicións que ían inaugurando cada venres no transcurso duns actos nos que conseguían reunir a outros artistas da cidade coas súas mesmas inquedanzas. Alejandro Durán, un daqueles mozos pioneiros, recoñece que a iniciativa de montar unha galería nun espazo particular comezou sendo “un mero divertimento” pero que a cousa cambiou ante a boa acollida que obtivo polas persoas vinculadas co mundo da arte naquela contorna. Foi entón cando decidiron traballar nun programa máis diverso no que non só invitaban aos artistas da cidade, senón tamén aos comisarios, galeristas e a todas as persoas vinculadas co mundo da arte.
A Sala Alterarte acolle agora unha mostra do traballo desenvolvido por estes artistas en La Perrera ao longo de todo este tempo. A exposición foi inaugurada este venres no transcurso dun acto ao que asistiron Juan Francisco Gálvez, vicerreitor en funcións do campus e a vicerreitora electa, María Lameiras. A inauguración foi tamén un punto de encontro no que Alejandro Durán presentou aos asistentes as liñas mestras de actuación desta sala de exposicións valenciana establecéndose despois un coloquio sobre o mundo da arte.

Debuxos, fotografías e proxeccións audiovisuais

A exposición reúne os traballos de El becerro de plomo, a primeira mostra do colectivo, unha selección de debuxos feitos polos membros do grupo en varias técnicas –acuarela, acrílico e óleo, entre outras- e sobre diversos soportes como o papel e o lenzo. Tamén se amosa en Alterarte un mapa conceptual do funcionamento da sala valenciana, un proxecto que os seus promotores estruturan como unha empresa na que existe un plan de comunicación e na que se traballa con conceptos como o altruísmo, o coidado nas relacións profesionais e a credibilidade profesional, entre outros.
A mostra de Alterarte complétase cunha montaxe de fotografías que recollen as distintas inauguracións ocorridas na sala nunha presentación cromática e con dúas proxeccións audiovisuais sobre eses mesmos actos. Dous recursos, a fotografía e o vídeo, utilizados polos artistas de La Perrera “nun intento de documentar todo o traballo que levamos adiante e facelo visible, ao tempo que valoramos tamén a importancia do arquivo”, sinala.
Unha canceira é un lugar que acolle cans de todas as razas e de diversas procedencias, e esta filosofía é a que xustifica a elección do nome La Perrera por parte deste colectivo de artistas. Segundo Alejandro Durán “cada un de nós procede dun lugar –Sevilla, Huelva, Oviedo, Valencia, Atenas, Santander, Bilbao...- e cada un de nós posúe tamén os seus propios intereses e inquedanzas”, sinala.

Punto de encontro entre os diferentes sectores da arte

O artista explica tamén que a finalidade do seu espazo expositivo é servir de punto de encontro entre os artistas noveis e consagrados, os comisarios, os galeristas e as institucións para posibilitar unha comunicación entre eles. Segundo afirma, “na actualidade non existe unha comunicación entre estes tres sectores e isto é un erro porque os galeristas precisan coñecer aos artistas noveis xa que é neste colectivo onde van atopar unha canteira para as futuras exposicións das salas”, declara. Con todo, Alejandro Durán matiza que o seu non é unha proposta alternativa senón “unha sala impulsada por xente nova na que non se realizan ventas e que funciona en colaboración coa universidade e coas galerías de arte”, sinala. Unha liña de traballo que, segundo asegura, “nos permite acceder a calquera artista e que posibilita tamén un espazo de contacto, comunicación e convivencia entre os distintos creadores”, declara.
A mostra permanecerá na Sala Alterarte ata o día 22 de xullo.