DUVI

Diario da Universidade de Vigo

De momento conseguiron xuntar 16.000 €

Artistas vinculados á Facultade de Belas Artes doan obras para recaudar fondos para Haití

Participan na mostra "Vicus x Haití", que se pode ver na Casa das Artes de Vigo ata o 7 de marzo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 24/02/2010

Unha trintena de artistas vinculados á Facultade de Belas Artes, alumnos, ex alumnos e tamén profesores como Berta Cáccamo, Ana Soler, Marta Riera e Loreto Blanco, doaron obras para a exposición Vicus x Haití, que se pode ver na Casa das Artes de Vigo ata o 7 de marzo e que ten un único obxectivo: recadar fondos para o programa “Urxencia en Haití” de Unicef. A iniciativa partiu dun grupo de artistas vigueses, entre os que se atopan Antonio Quesada, X. Magalhaes, Santiago Montes, Pedro Solveira, José Mª Barreiro, Xulio Gil, Andrés Conde e o propio comisario da mostra, Mingos Teixeira, que comezaron a tirar do fío e, como unha reacción en cadea, lograron a adhesión de 150 creadores galegos. Todos eles doaron integramente as obras expostas para a súa venda despois de marcar un prezo do 50% inferior ao habitual no mercado da arte, para incentivar e facer máis atractiva a compra.

Berro de solidariedade

Aínda que saben que calquera axuda parece pouca ante a magnitude de traxedias como esta, quixeron levar adiante esta iniciativa como un “berro de solidariedade” ao que esperan que responda a sociedade en xeral e en particular a viguesa. Polo momento está funcionando ben e, segundo informa Mingos Teixeira, desde o día da inauguración, o pasado 13 de febreiro, xa se venderon 50 obras por un total de 16.000 €. “A nosa meta está en chegar aos 20.000 €”, destaca o comisario da mostra.
Os artistas quixeron facer este chamamento porque entenden que “a arte e os artistas deben servir esencialmente para mellorar o mundo, minimizar a dor dos que sofren, incrementar a tolerancia e a creatividade e cultivar o desenvolvemento humano e cultural”. Nas palabras de Teixeira, “os creadores, autores e artistas adoitan ser seres comprometidos e concienciados de que o seu traballo non é só entretemento e, pola súa condición privilexiada de acceso aos medios de comunicación e a todos os públicos, están moral e eticamente obrigados a ser voceiros dos dereitos humanos”.

Resposta de participación extraordinaria

Mingos Teixeira afirma que “a resposta foi extraordinaria e unánime” entre todos os artistas convocados, o que conduciu a que outros creadores de todas as partes de Galicia e mesmo de Portugal amosaran a súa boa disposición para doar pezas ao recibir noticias da exposición por terceiros. “Finalmente cubriuse o aforo completo que había, para 150 artistas, e houbo xente que contactou con nós pero que quedou fóra por falta de espazo”, precisou o comisario da mostra. Ademais dos nomes devanditos, figuran outros tan coñecidos como Silverio Rivas, Xurxo Lobato, Xoán Acuña, Antón Sobral, Eiravella ou Darío Álvarez Basso.
Escolleron como destinatario dos fondos que se reúnan Unicef, segundo explica o coordinador da mostra, “por entender que é un organismo internacional de axuda á infancia que ofrece todas as garantías do destino da axuda”. O diñeiro recadado será xestionado directamente por esta axencia de Nacións Unidas a través do número de conta aberto especificamente con este fin: Caixanova 2080 0462 41 0040114788.
Teixeira agradece tamén a colaboración e a boa acollida da iniciativa por parte do Concello de Vigo, que achegou a infraestrutura necesaria para facer posible esta mostra solidaria, que abrangue a sala de exposicións no primeiro andar da Casa das Artes, o persoal necesario para a recepción de obra e a súa montaxe, o persoal administrativo para a súa xestión, así como os medios impresos para a súa difusión.