DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A segunda sesión de “Os Xoves de Moda”, na Casa das Campás

Arturo Elena amosará, co seu exemplo, a amplitude do panorama profesional para os estudantes de Esdemga

O famoso ilustrador colabora coas marcas internacionais máis recoñecidas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 03/04/2008

A segunda sesión de Os Xoves de Moda contará, na tarde deste xoves, coa participación dun recoñecido profesional do eido do deseño, o ilustrador Arturo Elena, quen amosará co seu exemplo a amplitude do panorama laboral que se lles presentará aos alumnos ao rematar os seus estudos. Organizada pola Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) en colaboración coa Vicerreitoría do campus, esta xornada pretende que os estudantes vexan máis aló do deseño o seu futuro e que descubran como a través de moitas outras disciplinas pódese traballar no sector da moda.
A obra de este artista autodidacta revolucionou o mundo da ilustración gráfica e destaca polo seu realismo, colorido e preciosismo. Ante un dos seus debuxos non só estamos vendo a ilustración típica de moda, senón que podemos recrearnos en detalles como as texturas dos tecidos, a composición e o xesto dos personaxes, percibindo en eles a mestría no manexo dos instrumentos e o dominio dunha técnica depuradísima na aplicación das formas e das cores. Do seu particular estilo hai que destacar o alargamento das figuras mantendo unha perfecta armonía nas proporcións, as posturas e o movemento.

Unha ampla traxectoria

O protagonista da segunda sesión de Os Xoves de Moda xa amosaba grandes facultades para o debuxo nos seus primeiros traballos na escola de Santa Eulalia, no seu Teruel natal. Despois de estudar en Valencia e Toledo, etapa na que se sente atraído polos clásicos como Velázquez ou O Greco, trasládase a Barcelona coa intención de completar a súa formación e onde comeza a colaborar con unha importante empresa de moda, preparando as coleccións para home e muller. Continúa durante catro anos máis realizando esta labor en Sevilla e Murcia e no seu paso pola cidade andaluza coñece a José Víctor Rodríguez e a José Luís Medina (Victorio & Lucchino), os cales se senten atraídos polo seu persoalísimo estilo e encárganlle as imaxes para prensa das súas obras. En 1992, a mesma firma pídelle a realización das carpetas para o perfume Carmen e para a colección do mesmo nome, o que lle serve de trampolín para colaborar con publicacións como Cosmopolitan, Telva ou Elle. A partir de aí aumenta o seu prestixio e empeza a facer ilustracións para Roberto Verino, Chanel, Loewe, Citroën, etc
O Istituto Europeo di Dessing de Madrid contrátao en 1998 como profesor de ilustración, onde segue traballando na actualidade ademais de colaborar para as máis importantes publicacións de moda e marcas internacionais.