DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro da programación de Teatro de Rúa

A arxentina Miss Vero ameniza o xantar co seu espectáculo "Divina da morte"

A próxima actuación correrá a cargo de Malabreikers

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI DUVI 07/05/2008
Especialista da risa e do entretemento a través do clown, a arxentina Miss Vero ofreceu no centro comercial da Cidade Universitaria o seu novo e revolucionario espectáculo, Divina da morte, un show no que ensina a manterse en forma combinando exercicios de karate, monociclo, globoflexia e equilibrismo. A actuación, pensada para pasar un anaco divertido e entretido, espertou con facilidade a risa e as gargalladas entre os presentes, que incluso se animaron a participar do espectáculo.
A protagonista da xornada, Miss Vero, ten no seu haber varios galardóns conseguidos ao longo da súa traxectoria artística. Entre eles destaca o primeiro premio do Festival Internacional de Teatro de Calle de Valladolid no ano 2003.

Malabreikers pechará a programación de Teatro de Rúa

O vindeiro 14 de maio tócalle a quenda ao dúo Malabreikers, un conxunto que combina a técnica do malabarismo e a acrobacia coa comedia e que porá punto final á programación de Teatro de Rúa para este cuadrimestre. O break é a paixón destes artistas, polo que non dubidan en amosarlle ao público as súas habilidades.
Organizadas pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, as actuacións de Teatro de Rúa trata de favorecer un maior contacto dos mozos universitarios cos espectáculos en directo sen abandonar os seus escenarios de convivencia.