DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, clausurou o simposio

A asemblea das editoriais universitarias remata cun chamamento a seguir traballando no desenvolvemento e progreso da sociedade do coñecemento

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 13/11/2009

Tras dúas xornadas de intenso traballo para afondar no futuro do libro como elemento de divulgación científica e na adaptación inevitable das publicacións universitarias ás novas tecnoloxías, a Asemblea Xeral da Unión de Editoriais Universitarias Españolas tocou este venres ao seu fin.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, foron os encargados de clausurar esta xuntanza nun acto no que se puxeron en valor as importantes achegas das editoriais e dos servizos de publicación da universidades e de institucións de investigación no desenvolvemento e progreso da sociedade do coñecemento. Segundo apuntou o conselleiro, “o 10% dos libros en circulación son publicados por editoriais universitarias e o seu número a finais de 2008 estaba sobre os 33.500, un dato moi positivo tanto cuantitativa como cualitativamente”. Sobre esta cifra, o presidente da UNE, Francisco Fernández Beltrán, engadiu que “a nosa produción representa o 7% do que se publica en España pero é o 10% do fondo vivo, porque os nosos libros non son bestsellers pero perduran no tempo, permanecen durante anos como divulgadores do coñecemento”.
Por este motivo, Iván Area recoñeceu as achegas destas editoriais e destacou que “son unha peza fundamental nun modelo universitario como o noso, que se esforza por ser competitivo en España e en Europa”. O vicerreitor de Relacións Institucionais non quixo deixar pasar a ocasión sen destacar o “magnífico traballo que levan a cabo os servizos bibliotecarios e de publicacións da Universidade de Vigo” e agradeceu o esforzo diario que fan “por difundir a magnífica produción científica da nosa Universidade que, se sitúa entre as 15 primeiras do estado”.

Os cambios no panorama editorial

“Nos últimos anos, cuestións coma o EEES, publicacións dixitais, propiedade intelectual, calidade e extensión da cultura e a ciencia e incluso a economía baseada no coñecemento, tan de actualidade pola crise económica, viñeron a sumarse á tripla misión que xa tiñades encomendada historicamente: difundir a investigación e a ciencia que se xera nos campus, apoio á docencia e apoio e difusión da cultura máis próxima”, apuntou Iván Area.
Pero esta vixésimo oitava asemblea da UNE centrou os seus contidos nun destes retos de futuro do sector editorial universitario, a consolidación como divulgadores da ciencia e da investigación. “O voso traballo ten cambiado moito nos últimos anos, con máis funcións e máis complexidade”, apuntou o conselleiro de Cultura, pero o futuro presenta tamén importantes retos. Para o presidente da UNE, este pasa pola edición dixital e pola publicación aberta, xa que a Lei da Ciencia establece que “nun ano os investigadores con financiamento público deberán publicar os resultados dos seus traballos en aberto”. Así, deixando de lado os circuítos comerciais, os servizos de publicacións universitarios verán medrar a súa relevancia pública. As publicacións científicas ganarán terreo fronte á función de apoio á docencia, contidos que acaparan actualmente a maior parte dos libros universitarios. Esta especialización temática, segundo Francisco Fernández Beltrán, é tamén un dos puntais que permite ás editoriais universitarias superar a crise económica, “as nosas vendas non están ligadas ao ocio, senón ao coñecemento científico”.
Sobre a reivindicación dos intereses dos autores, que son os profesores e investigadores das universidades, ante a Comisión Nacional de Evaluación de la Actividad Investigadora, Iván Area destacou que “me parece un exemplo, xa que cando 31 reitores, entre elos o presidente da CRUE e o noso propio reitor –que foi dos primeiros en facelo–, xa se sumaron á vosa iniciativa, o eco desa reivindicación xa chegou ao seu destino”.

Novos socios e medallas de honra

A asociación de editores distinguiu no transcurso da asemblea coas medallas de honra aos seus membros distinguidos. Entre eles recibiron esta distinción Gonzalo Capellán, ex director de Publican-Ediciones e actual vicerreitor de Planificación e Organización da Universidad de Cantabria; Javier Moreno, ex subdirector xeral de Publicaciones del Centro de Estudios Políticos y Constitucionales e Magda Polo, ex presidenta da UNE entre os anos 2006 e 2008.
Na xornada deste venres, a asemblea tamén aprobou a incorporación de novos asociados á UNE como o Consello da Cultura Galega, a Universidad Internacional de Andalucía, o Instituto Juan Gil-Albert, a Universidad Francisco de Vitoria e a Real Academia de la Lengua Vasca. O conselleiro valorou positivamente a incorporación do Consello da Cultura Galega ao que definiu como “un referente único e insubstituíble para Galicia”. Neste sentido, o presidente da UNE salientou a “calidade do seu catálogo editorial e a súa estreita relación co eido universitario”.