DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O salón Edugal desenvólvese ata este venres no Recinto Feiral de Pontevedra

Asesoramento, información e robots para espertar o interese do alumnado do día de mañá

As escolas de Enxeñería Industrial e Enxeñaría Forestal contan con espazos propios neste evento

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 26/02/2014

Hai quen nace xa cunha firme vocación, pero para moitos e moitas, os últimos meses do Bacharelato son un período de busca de información e asesoramento para decidir onde queren continuar os seus estudos. Para axudar nesta difícil decisión, a Universidade está presente na terceira edición de Edugal, o Salón da educación e formación de Galicia, que este mércores celebrou a súa inauguración no Recinto Feiral de Pontevedra. Neste evento que se presenta como un punto de encontro entre alumnado, institucións educativas e empresas, a Universidade ofrece todo tipo de información sobre os diferentes estudos de grao e posgrao. Pero ademais, tanto a Escola de Enxeñería Industrial coma a Escola de Enxeñería Forestal contan cun espazo propio nesta feira, onde os visitantes pode coñecer a través de exemplos prácticos algúns dos campos de traballo vinculados ás súas titulacións.

Os folletos informativos comparten espazo con diversos tipos de biomasa no stand de Enxeñaría Forestal, mentres que a poucos metros de alí, no espazo da Escola de Enxeñería Industrial, os visitantes poden levarse unha chapa co seu nome realizada cun láser ou contemplar a pelexa entre dous robots humanoides. Todas elas, iniciativas que buscan captar o interese do alumnado que entre este mércores 26 e o venres 28 visitará un salón que permite “poñer á vista o potencial que temos na Universidade, que son os nosos alumnos e as nosas titulacións”, como resaltou a vicerreitora do campus de Pontevedra. Antonia Blanco estivo presente nesta xornada no acto inaugural da feira organizada por Aenpe (Asociación de empresarios da pequena e mediana empresa de Pontevedra), tralo que resaltou a importancia de que a institución académica estea representada nun evento que reúne a un total de 35 expositores, entre universidades, centros de FP, academias ou institucións.

Non en van, o obxectivo de xerar de sinerxías entre o mundo do ensino e o laboral foi un dos puntos máis destacados na inauguración, no que participou Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social, patrocinador do evento. “Edugal viu a cubrir un baleiro moi importante e hoxe en día xa se consolidou como a feira educativa por excelencia en Galicia, na que o alumnado pode coñecer de primeira man unha oferta educativa de todo tipo e programar ben o seu futuro”, resaltou Pedrosa.

No marco desta feira, 30 alumnos e alumnas do IES Tomiño realizarán este venres un percorrido polas facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación, Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia e pola Escola de Enxeñaría Forestal co obxectivo de coñecer as características das titulacións que se imparten nestes centros.

Láser, voos e robots para captar a atención do alumnado

“Aos estudantes hai que entrarlle polos ollos”, sostén Juan Pou, director da Escola de Enxeñería Forestal. Por iso, no espazo desta escola en Edugal os folletos atopánse nun segundo plano fronte a un cuadricóptero que emprende o voo no medio do recinto ou unha cámara térmica que permite aos visitantes contemplar nunha pantalla a súa 'foto térmica'. “Intentamos amosar algúns exemplos visuais e representativos da actividade da escola”, explica Pou, a quen acompaña neste labor o subdirector de Alumnado, Fernando Cerdeira, que destaca que “ao final o que sempre nos preguntan é que fai un enxeñeiro industrial e por iso tentamos facer un posto moi dinámico con aplicacións moi vistosas”.

Juan Pou asegura que máis dun alumno coñeceu a EEI en Edugal grazas a proxectos como os robots humanoides que se poden ver loitar no posto. Un grupo de alumnos, que forman parte da rama estudantil da asociación internacional Institute os Electrical and Electronic Engineers (IEEE), conseguiu que estes dous robots poidan simular unha pelexa entre eles mediante a instalación de sensores de infrarroxos, que lles permiten medir a distancia co seu rival ou mesmo levantarse se detectan que caeron. Así mesmo, estes estudantes foron tamén os impulsores doutra das propostas que máis expectación xerou no arranque de Edugal, un cuadricóptero dotado tamén de sensores infrarroxos e dunha cámara que fan posible o seu manexo a través dun teléfono móbil.

Un grao para as persoas interesadas no medio ambiente

No espazo da Escola de Enxeñería Forestal, David Pérez informa aos mozos e mozas das características e saídas dunha titulación, o grao en Enxeñaría Forestal, “claramente orientada á xente interesadas no medio ambiente, xa que é unha carreira multidisciplinar que aborda cuestións como as enerxías renovables ou o aproveitamento forestal". Para amosalo tamén dun xeito visual, neste posto combínanse os folletos con exemplos prácticos tanto da rama máis ambiental da titulación, como o traballo no campo da biomasa; como da súa vertente máis industrial, exemplificada por diferentes mostras de madeiras tratadas con maquinaria de control numérico.

Por outra banda, no stand xeral da Universidade ofrécese aos visitantes todo tipo de información sobre as diferentes titulacións de grao e posgrao, así como dos estudos propios e das simultaneidades entre graos. "Algúns veñen xa coas ideas moi claras, por información dunha titulación en particular, e outros para todo o contrario, para pedirnos información de todas, salienta Carmen Álvarez, representante do SIOPE, que explica que as diferentes enxeñarías son, xunto con Tradución e Interpretación, Enfermería ou Fisioterapia, algúns dos estudos que máis interese están a espertar neste salón.