DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Conferencia de Reitores emite un comunicado no que rexeita a forma e o fondo do Real Decreto

O 'así non' dos reitores ás medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 04/05/2012

O Comité Permanente Ampliado da Conferencia de Reitores, CRUE, vén de facer público un comunicado no que expresa o seu rexeitamento tanto polo procedemento como polos argumentos defendidos polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para xustificar as medidas incluídas no Real Decreto-Lei 14/2012 de 20 de abril de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo. Sobre o citado decreto no que se regulan as taxas e prezos públicos dos estudos universitarios, a dedicación do profesorado e a xestión económica das universidades, o Comité Permanente Ampliado da CRUE, rexeita “de xeito rotundo o procedemento seguido polo Ministerio, no que medidas de vital importancia no funcionamento e xestión das universidades, incluídas no citado Real Decreto-lei, foron coñecidas a través dos medios de comunicación e da súa publicación no Boletín Oficial do Estado”.

O comunicado no que a CRUE traslada de “xeito claro e rotundo” que “así non imos a mellorar o noso sistema universitario”, rexeita “categoricamente os argumentos defendidos polo Ministerio que apuntan ao insuficiente traballo de profesores e estudantes para xustificar as medidas incluídas no Real Decreto-Lei”. Pola contra, o Comité Permanente Ampliado da CRUE, denuncia que “a preservación da excelencia académica e a paralela satisfacción do principio de igualdade de oportunidades non atopan enunciación explícita na citada norma”.

Vontade de colaboración co Ministerio

No seu manifesto a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, solicita ao ministro de Educación, José Ignacio Wert, a convocatoria urxente do Consello de Universidades e a inclusión na orde do día do estudo do Real Decreto- Lei, “ao obxecto de que as universidades poidan trasladar ao Ministerio as súas opinións sobre cuestións de tanta trascendencia para o sistema universitario”. Así mesmo o Comité Permanente Ampliado da CRUE reitera “unha vez máis” a súa vontade de colaborar no estudo das reformas necesarias que permitan que “o sistema universitario español manteña un desempeño comparable ao dos mellores sistemas universitarios do mundo”.

O comunicado dos reitores das universidades españolas fíxose público en Murcia, onde a CRUE celebra este venres a súa asemblea xeral extraordinaria.

Comunicado del Comité Permanente Ampliado de la CRUE (112 Kb)