DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A EET acolleu este venres a reunión nacional de directores/as de escolas desta titulación

Así é o sector ‘teleco’ en España: alta demanda de profesionais, bos salarios pero menos vocacións das desexables

A xuntanza fíxose coincidir co congreso do Consello Estatal de Estudantes de Telecomunicación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
D. Besadío DUVI 15/09/2023

Académicos, estudantes e profesionais do sector de telecomunicacións reflexionaron este venres en Vigo sobre a situación dunha profesión que está en pleno auxe, tanto en España como a nivel internacional, cunha moi elevada demanda de profesionais, salarios por encima da media, pero con menos vocacións das que serían desexables. Fixérono ao coincidir na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo a reunión plenaria da Conferencia de directores das escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, Coditel, e o congreso anual do Consejo Estatal de Estudiantes de Telecomunicación, CEET, o que, por primeira vez na historia de ambos encontros, uniu no mesmo lugar os tres actores fundamentais deste sector: estudantes, académicos e colexios profesionais.

A primeira hora de mañá tivo lugar un acto de benvida no que participaron os asistentes a ambas reunións   e que contou coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz; o presidente de Coditel, Manolo Sierra; o presidente do Consejo Estatal de Estudantes de Telecomunicacións, Andrés Torres, e responsables do Colegio Oficial de Ingeniería de Telecomunicación e Colegio Oficial de Ingeniería Técnica de Telecomunicación, Evaristo Río e Luis Miguel Chapinal. Todos coincidiron en que o principal reto ao que se enfronta a profesión, tanto desde o punto de vista académico como empresarial, é ser capaces de formar a todo o persoal que precisa o sector e incrementar o número de estudantes que opten por esta titulación á hora de decidir que estudar.

O gran reto é a captación de estudantes, especialmente mulleres

Desde o punto de vista da Universidade de Vigo,  Manuel Reigosa explicou que a institución se atopa nunha situación que pode parecer paradoxal, xa que, por unha banda, conta cunha Escola de Enxeñaría de Telecomunicación moi exitosa –“entre as 300 mellores do mundo segundo o Ranking de Shanghai”-, chea de referentes femininos e cun centro de investigación propio -atlanTTic-, e que, pola contra, padece tamén eses dous grandes problemas que afectan a día de hoxe a esta profesión: captación global de estudantes e, especialmente, captación de estudantes mulleres.  “Nin sequera cubrimos as prazas que ofertamos, cando en realidade tería que haber auténticas pelexas para matricularse aquí e estar captando os mellores currículos”, salientou o reitor.

En canto ao nesgo de xénero Reigosa indicou que, aínda que parecía que se camiñaba na dirección correcta e que a escola se ía achegando a ter tantas mulleres matriculadas como homes, nos últimos anos produciuse un retroceso, unha diminución da matrícula feminina. “Isto é unha preocupación importante para nós”, recoñeceu Reigosa.  Como posibles vías de solución, o reitor puxo sobre a mesa a necesidade de analizar posibles modificacións dos plans de estudos, e insistir máis no carácter social, e non só técnico da profesión. Segundo a súa reflexión, no proceso de adaptación a Boloña puido cometerse o erro de querer que unha persoa graduada en telecomunicación tivese as mesmas capacidades e competencias que tiña un enxeñeiro superior, algo que desde o seu punto de vista, debería producirse na suma de grao máis mestrado, non unicamente no grao.

Importancia de resaltar o lado humano da profesión

Por outra banda, alertou de que moitas veces se pon moito énfase no aspecto técnico, “e non estamos a ser capaces de facer ver a importancia que as telecomunicacións teñen para os seres humanos, cando en realidade as novas investigadoras e investigadores están traballando en temas de saúde a distancia, de coidados de maiores, de persoas enfermas… pero parece que damos a impresión de que estes profesionais son xente moi técnica”.

No caso da directora da escola, Rebeca Díaz, salientou tamén a necesidade de emprender accións que vaian na liña de incrementar o interese por esta titulación por parte do alumnado preuniversitario, “de maneira que teñan esta opción moi en conta á hora de decidir a que dedicarse ou que estudar”.  Manolo Sierra, presidente de Coditel, fixo fincapé na importancia de que docentes, colexios e estudantes vaian da man, “o mellor xeito de saber cara onde debe camiñar a profesión”, algo que tamén agradeceu o presidente do CEET, Andrés Torres. Desde os colexios profesionais Evaristo Río, en nome do COIT, e Luis Miguel Chapinal, do COITT, lembraron que “detrás de cada chamada de teléfono, detrás de cada ordenador, de cada estudo de televisión… detrás de todo aquilo que se chama telecomunicacións hai persoas, enxeñeiras e enxeñeiros, e iso é o que desde o colexio profesionais tratamos de facerlle ver á sociedade”. 

Medio cento de estudantes chegados de 22 universidades 

A reunión anual do Consello Estatal de Estudantes de Telecomunicación reuniu esta semana na escola viguesa a medio cento de estudantes chegados de 22 universidades de todo o territorio nacional. Ao longo destes cinco días tiveron a posibilidade de debater sobre  os diferentes plans de grao que afectan ás telecomunicacións, isto é: grao coa mención en electrónica, grao coa mención en son e imaxe, grao coa mención en sistemas, grao coa mención en telemática e dobre grao.

Dentro da programación do congreso mañá sábado terá lugar no Museo Verbum Casa das Palabras a feira ExpoTIC, “onde empresas do sector das TIC impartirán ponencias de alto nivel”, subliñou o estudante Anxo Rodríguez, membro da comisión organizadora do encontro, quen tamén indicou que as empresas terán tamén espazo para falar man a man cos e coas congresistas.