DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto, liderado por atlanTTic, conta co apoio do Programa Ignicia de GAIN e a Fundación Barrié

O asistente de conversa Celia axudará a través de WhatsApp a combater a soidade non desexada

Empregando intelixencia artificial tamén axudará a detectar de forma precoz enfermidades cognitivas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 13/12/2023

O asistente de conversa Celia, deseñado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, xa está dispoñible en WhatsApp para combater a soidade non desexada entre as persoas de idade avanzada e para detectar de forma precoz enfermidades cognitivas neurodexenerativas. 

O proxecto liderado polo profesor e director do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) Francisco Javier González Castaño botou a andar hai cinco anos co obxectivo de desenvolver unha metodoloxía de acompañamento terapéutico intelixente para persoas maiores ou con demencia en estados iniciais. Agora, tras rematar o período de probas cun grupo de usuarios e grazas ao apoio do Programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia e a Fundación Barrié, o asistente de conversa Celia xa está a disposición da poboación e permitirá dar resposta a dous dos retos máis complexos que afronta a sociedade actual. Como explica o director de Celia, Pablo Campos, empregando a intelixencia artificial permite “mellorar a calidade de vida das persoas de idades avanzadas” tanto no eido emocional coma no sanitario. 

Así, por unha banda, ponse o foco na loita contra a soidade non desexada nunha sociedade como a española, marcada polo envellecemento da poboación, na que viven 9,7 millóns de persoas maiores de 65 anos, segundo datos do INE, unha cifra que se espera que nas próximas décadas ascenda ata os 15 millóns. Máis de 2 millóns deste total viven actualmente soas, e esta cifra crecerá ata os 7 millóns en 20 anos. Por outra banda, o proxecto tamén ten en conta que na actualidade non existen mecanismos efectivos de detección temperá de enfermidades cognitivas como o alzheimer ou a demencia, pero si existen evidencias de que o tratamento en etapas iniciais pode axudar a retrasar a súa progresión e a mellorar a calidade de vida destes pacientes. 

Con estes dous aspectos no punto de mira, o emocional e o sanitario, o asistente permite acompañar, conversar e entreter con empatía a persoas de idade avanzada, ao mesmo tempo que monitoriza a saúde cognitiva dos seus usuarios a través da análise da linguaxe e da voz. Isto, explican os investigadores, é posible dado que a voz é unha ferramenta biométrica cuxos parámetros axudan a facer un seguimento de enfermidades neurolóxicas, emocionais ou cardio-respiratorias, polo que no futuro se ampliará o número de patoloxías que se poidan controlar mediante estas técnicas de intelixencia artificial. 

Un asistente único en el mercado

Os seus impulsores explican que a gran diferenza entre Celia e outros asistentes de conversa que existen no mercado é que o deseñado por atlanTTic ten iniciativa e comunícase coas persoas usuarias sen necesidade de que estes lle dean unha orde. Isto, explican, xera empatía nas persoas de idade avanzada e, de feito, o 75% das e dos usuarios que empregaron o asistente durante o período de probas en centros de coidados a maiores solicitaron continuar empregándoo, de igual xeito que o 85% dos que o usaron guiados polos coidadores de atención domiciliaria.  

Unha ferrametna de balde
O uso de Celia é de balde e pódese acceder a través da web CeliaTeCuida.com ou agregando o contacto do 655 64 14 45 á listaxe do teléfono e logo iniciando unha conversa en WhatsApp. O proxecto, ademais, ten diferentes módulos personalizables de conversa centrados en adiviñanzas, lecturas de prensa, preguntas familiares, etc.