DUVI

Diario da Universidade de Vigo

"Independízate do tabaco" é a súa proclama no Día Mundial sen Tabaco

A Asociación Contra o Cancro rompe cigarros a cambio de agasallos en Ciencias Sociais

Buscan concienciar dos efectos nocivos do tabaco, posto que un de cada tres mozos é fumador

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 31/05/2010

Que nada te ate e menos un cigarro; na mesa pide comida, non un cinseiro; fai que os bicos saiban a bicos; é mellor coleccionar noites de festa ca chisqueiros; que só un bo plan che faga saír da casa ás 12 da noite; ou o café sabe mellor con leite que con nicotina. Estas son algunhas das proclamas dos folletos que esta mañá repartiu a Asociación Española Contra o Cancro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación con motivo do Día Mundial sen Tabaco. Baixo o lema deste ano, Independízate do tabaco. Sae de festa sen fume, trata de concienciar aos máis novos de que fumar non é un símbolo de independencia senón unha atadura máis. Así o explica unha das súas psicólogas, Elisa Alonso, presente hoxe na facultade: “os mozos sempre ansían a emancipación, polo que queremos amosarlles que fumar non reflicte esa liberdade que buscan, senón que é unha dependencia máis pola adicción que xera”.
Para isto romperon cigarros diante das persoas ás que llos pediron a cambio de chapas, ambientadores para o coche e outros agasallos. Ademais de folletos informativos, repartiron tamén un DVD cun método para deixar de fumar baseado no best seller Es fácil dejar de fumar si sabes como, de Allen Carr.

Medición do monóxico de carbono

Así mesmo, realizaron medicións dos índices de monóxido de carbono cun cooxímetro, un aparello semellante ao alcoholímetro que usa Tráfico. Este índice é máis elevado segundo a cantidade de cigarrillos que se fumen ao día e a psicóloga asegura que todos os que realizan a proba se alarman cos resultados da medición cando lles indica nunha táboa o nivel no que se atopan. Con todo, afirma que tras realizala a maioría sae a fóra a fumar, pois por moitas advertencias que se fagan, a decisión de deixalo é moi difícil de tomar.
En xeral o 70% dos fumadores afirma que quere deixalo, pero esa porcentaxe é moi baixa entre os mozos e mozas fumadores, o que dificulta traballar con eles en prevención. “Isto é así porque se consideran moi novos e ven os efectos do tabaco a moi longo prazo. Non obstante, cando cheguen á idade media de toma da decisión, que está en torno aos 42 anos, como a idade media de inicio é aos 13, xa levarán tantos anos fumando que moitos prexuízos serán irreparables”, advirte a Elisa Alonso. Por iso sinala que o paso principal e máis difícil para deixar de fumar é tomar a decisión e que esta sexa firme, “porque moitos fano só de boquilla”. Unha vez cumprido ese paso, recomenda buscar as motivacións propias, tendo como principais as melloras na saúde, na pel, no olfacto ou no gusto, e apoiarse nelas no día a día. Se non se acadan logros individualmente, aconsella dirixirse a un profesional para reforzar con fármacos ou terapia colectiva. Polas experiencias que coñece, asegura que “é máis fácil do que un pensa”.

Un de cada tres mozos é fumador

Entre outros datos, Elisa Alonso destaca que, en España, un de cada tres mozos en 16 e 24 anos é fumador; a media para comezar a fumar está nos 13 anos; o 30% da poboación maior de 16 anos é fumadora, e, á súa vez, o 30% desa porcentaxe ten entre 16 e 24 anos. “Estes datos son alarmantes”, aclama a psicóloga, que considera fundamental, debido a esa incidencia entre a poboación máis nova, realizar campañas de concienciación coma esta nos centros universitarios.
Con respecto á prevalencia de enfermidades entre fumadores, salienta que o 85% das mortes por mor do cancro de bronquios e pulmón e o 33% das mortes por enfermidades cerebrovasculares son provocadas polo tabaco.