DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo vigués venceu en Almería á Universidad del País Vasco nunha intensa final 

A Asociación de Debate Universitario Retórica da UVigo gaña por segundo ano consecutivo o Torneo Indalo

"Son positivos o gobernos de coalición?" foi a cuestión na que se centrou a competición 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 11/03/2024

Preto dunha vintena de equipos e case un cento de estudantes, procedentes de toda España, participaron durante a tarde do venres e o sábado, en sesións de mañá e tarde, na segunda edición do Torneo Indalo de Debate Académico Universitario da Universidad de Almería. A vitoria, por segundo ano consecutivo, foi para a Asociación de Debate Universitario Retórica da UVigo, que se impuxo nunha intensa final ao equipo da Universidad del País Vasco.

Son positivos os gobernos de coalición? foi a cuestión arredor da que xiraron as dúas xornadas de debates, nas que se desenvolveron cinco rondas, máis as eliminatorias de cuartos de final e gran final, que enfrontou a vigueses e vascos e na que a Asociación de Debate Universitario Retórica da UVigo foi quen de impoñerse, alzándose coa vitoria no torneo, como fixera no ano 2023. Pola súa banda, Guillermo Fernández, integrante do equipo da UVigo, tamén gañou un concurso de discurso, iniciado días antes da celebración do Torneo Indalo, co envío dun vídeo á organización. Neste caso, Fernández estivo acompañado no podio por Marc Gómez e Aina Carlota Juárez, ambos da Asociación de Debate Baleares.

 A proba, celebrada este pasado fin de semana en Almería, e coa que se iniciou o circuíto universitario nacional é valedera para Liga Española de Debate Universitario (LEDU). Xunto aos equipos da UVigo e da UPV, que disputaron a final, no torneo tamén tomaron parte representantes da Universidad Pontificia de Comillas (Madrid), Esade (Barcelona), Universidad de Alicante, Universidad de Granada, Universidad de Sevilla, Asociación FÓRUM de Cádiz, Asociación CDU (Córdoba), Asociación Dilema Córdoba, ADUMA (Málaga), Fundación Cánovas (Málaga) e a Asociación de Debate Baleares (Mallorca).

A organización da segunda edición do torneo recaeu na Asociación de Debate e Oratoria da UAL, co apoio do Vicerrectorado de Estudantes e da LEDU, ao conceder unha praza ao equipo vencedor, a Asociación de Retórica da UVigo.