DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrouse este xoves e venres no campus

A Asociación Española de Derecho y Literatura arrancou en Ourense a súa actividade cun congreso internacional

A entidade está coordinada desde a UVigo polo catedrático Pablo Bonorino

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Académica
DUVI Ourense 06/10/2023

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este xoves e venres a celebración do I Congreso Internacional de Dereito e Literatura, organizado pola Asociación Española de Derecho y Literatura (Aedel), o grupo de innovación educativa Innova Dereito e o grupo de investigación AGAF, liderados polo catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo Pablo Bonorino.

Con este evento arrancou a actividade de Aedel, unha asociación creada tamén no campus de Ourense o pasado ano no marco dos encontros anuais sobre este tema organizados polos citados grupos da UVigo. A entidade ten como obxectivo vertebrar a colaboración de profesorado de distintas áreas de coñecemento (vinculadas co dereito e a literatura e sumando a arte en xeral), de modo que se facilite a investigación nesta materia e desde estas perspectivas, contando xa con máis de cen socios de diversas disciplinas xurídicas pertencentes a universidades estatais.

Debate enriquecedor

O congreso tivo como obxectivo, en liña co obxectivo de Aedel, ser “un foro internacional onde se poñan de manifesto as vinculacións entre o dereito e a literatura en todas as súas dimensións e temáticas e un punto de encontro entre xuristas e investigadores de diferentes disciplinas e ámbitos profesionais”. Sobre o desenvolvemento deste evento e da propia asociación, Pablo Bonorino subliña o enriquecemento que supón non só abordar a relación entre dous ámbitos diversos como a literatura e o dereito senón tamén a participación de diferentes disciplinas do dereito, desde o dereito penal ata o administrativo, que, sinalou, “en realidade non se soen xuntar a discutir”. Neste caso, apuntou, “a literatura únenos” pero, afirmou, “hai marcadas diferencias fan enriquecedor o debate”.

No congreso, aberto á comunidade universitaria, participaron con relatorios Lucía Aseff (Universidad de Rosario, Arxentina), José Antonio López Nevot (Universidad de Granada), Francisco Pérez de los Cobos (Universidad Complutense de Madrid, ex presidente do Tribunal Constitucional), Encarna Roca Trías (Universidad de Barcelona, ex vicepresidenta do Tribunal Constitucional), Alfonso García Figueroa (catedrático de Filosofía do Dereito da Universidad de Castilla-La Mancha), Antonio Bueno Armijo (Universidad de Córdoba) e José María Pérez Collados (catedrático de Historia do Dereito da Universidad de Girona), entre outros. Nas súas intervencións abordaron temáticas como a vocación xurídica de Franz Kafka, os pactos en El Anillo del Nibelungo, a obra literaria do Inca Garcilaso como fonte de información xurídica e as relacións entre a literatura distópica e o dereito. A cita tamén contou no seu programa coa presentación de comunicacións realizadas por persoal investigador de diversas universidades.