DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias acolleu este mércores a súa presentación oficial

A Asociación Galega de Ambientólogos bota a andar para defender os dereitos destes profesionais

Entre os promotores da iniciativa están estudantes e titulados do campus de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 10/04/2013

Cando alcanzan certa madurez, os diferentes colectivos profesionais tende a organizarse para consolidar e incrementar a súa formación, dereitos e recoñecemento e para contribuír ao avance da área na que traballan. Deste xeito, a Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este mércores a presentación oficial da Asociación profesional Galega de Ambientólogos AGA, que nace cos obxectivos de defender os intereses destes profesionais na comunidade autónoma así como promover a defensa do medio ambiente.

A presentación da nova asociación, que ten o apoio da Coordinadora Estatal de Ciencias Ambientais, contou coa participación, entre outras persoas, de Hernando Caldeiro, presidente de AGA; de Carmela Cañedo, vicepresidenta da asociación; de Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias, e de María Victoria Benavides, alumna do Grao de Ciencias Ambientais que se imparte na facultade ourensán e membro da asociación. “Como centro no que formamos a futuros ambientólogos, estamos encantados de servir de apoio e plataforma para esta asociación, á que desexamos todo o éxito”, destacou Pedro Araújo. “A asociación será un punto de apoio tanto para o alumnado desta área como para os xa titulados e profesionais que traballan en Galicia no eido do medio ambiente”, subliñou María Victoria Benavides.

Segundo explicaron os representantes da asociación, a entidade nace para defender os dereitos dos ambientólogos e dos estudantes de Ciencias Ambientais, para ser portavoz e representante destes colectivos e para promover o seu desenvolvemento profesional e a súa formación de calidade. Fomentar a divulgación, a sensibilización e a participación en materia de medio ambiente dentro dun marco xeral de desenvolvemento sostible e difundir e promover a protección da riqueza ambiental de Galicia son outros dos obxectivos que impulsan a aparición agora de AGA. A asociación, apuntan os seus promotores, tamén traballará no impulso dun futuro Colexio Oficial de Ambientólogos de Galicia e buscará a participación nas estruturas asociativas nacionais o autonómicas afíns.