DUVI

Diario da Universidade de Vigo

AOAC é unha referencia mundial para gobernos, empresas e sociedades

A Asociación Oficial Internacional de Químicos Analíticos recoñece a traxectoria investigadora de Ana Gago

A profesora da Universidade de Vigo centra o seu traballo no campo das biotoxinas mariñas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 25/10/2011

Polo traballo desenvolvido durante anos no campo da Química Analítica de biotoxinas mariñas e nomeadamente pola súas achegas á mellora dos métodos oficiais de análise e ao grupo de traballo sobre biotoxinas mariñas e de auga doce a AOAC, a Asociación Oficial Internacional de Químicos Analíticos vén de distinguir coa súa medalla e unha placa conmemorativa á profesora do Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo e directora do Laboratorio da UE de Referencia de Biotoxinas Mariñas de Vigo, Ana Gago Martínez. “Este recoñecemento supón unha gran satisfacción”, afirma Gago “polo feito de ver reflectida e recoñecida a nivel internacional a miña tarefa de investigadora de moitos anos no campo das biotoxinas mariñas”. Un recoñecemento que a profesora da Universidade de Vigo fai extensiva a todo o grupo de investigación no Departamento de Química Analítica no que se formou e no que comezou a súa tarefa investigadora no ano 1985 baixo a dirección do profesor José Antonio Rodríguez Vázquez. “Sen eles”, asegura, “este galardón non sería posible”.

Xunto a súa labor investigadora, a asociación tamén recoñeceu no transcurso do seu 125 congreso celebrado en New Orleans, o papel central desenvolvido pola profesora Gago na organización dos Marine and Freshwater Toxins Analysis-Joint Symposia and AOAC Task Force Meetings, celebrados en Baiona nos anos 2005 e 2011. Dous encontros que resultaron determinantes na crecente implicación de investigadores europeos nas actividades do grupo de traballo do que Ana Gago é vicepresidenta. A profesora do Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo, afirma tras anos de investigación no campo da Química Analítica de biotoxinas mariñas sentirse “satisfeita da tarefa desenvolvida” e apela ao afán de superación e loita como elementos determinantes para “acadar os obxectivos que como científicos debemos marcarnos” ao tempo que confirma a súa disposición de seguir no mundo da biotoxinas achegando os seus coñecementos e tamén “aprendendo todo o que poida”.

A AOAC, tribunal de apelación final

Creada en 1884 nos Estados Unidos para atender a necesidade de desenvolver métodos de análise fiables que permitiran aseguran a presenza nos fertilizantes químicos dos nutrientes necesarios para as terras de cultivo, a AOAC é unha prestixiosa asociación centrada na actualidade no desenvolvemento, aplicación e avaliación de métodos de análise baixo criterios científicos moi rigorosos de validación internacional. É por isto que a Asociación Oficial Internacional de Químicos Analíticos emprégase por parte de institucións gubernamentais, organismos, empresas e sociedades de todo o mundo como tribunal de apelación final nas áreas de traballo que aborda como son os alimentos, drogas, medicamentos, cosméticos, metais pesados ou toxinas naturais, así como desenvolvementos tecnolóxicos ou lexislación.
“O obxectivo claro da asociación”, explica Ana Gago, “é acadar unha visión de confianza a nivel mundial nos resultados analíticos, proporcionando as ferramentas e os procesos necesarios para a o desenvolvemento voluntario de normas de consenso no que se refire a metodoloxías analíticas a través de grupos de traballo centrados en temas diversos”. Uns métodos que segundo Gago proporcionan a credibilidade e confianza esixida para a toma de decisión analíticas e que contan con recoñecemento en todo o mundo.