DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Augusto Guedes falou este xoves na Facultade de Historia sobre este estilo artístico

Unha asociación, unha revista e unha paixón chamada románico

A publicación que dirixe distribúe 2000 exemplares de cada número

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 23/11/2017

A Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu este xoves unha presentación da revista Románico, “a única revista do mundo dedicada exclusiva e monograficamente a este tema”, segundo destacan os seus promotores, a Asociación Amigos do Románico. O director da publicación, Augusto Guedes, foi o encargado de falar dela, da entidade que a edita pero tamén de transmitir ao alumnado e persoal docente e investigador presente “a paixón” por este estilo artístico e a importancia do asociacionismo como vía para a protección e valorización do patrimonio cultural.

A actividade celebrada este xoves no campus de Ourense enmárcase nunha serie de presentacións que se veñen realizando da revista e da asociación que a edita en diferentes espazos de índole académica ou cultural. Nesta xeira, apuntou Augusto Guedes, consideraron de especial interese achegarse tamén aos futuros historiadores e historiadoras. Agradecendo a elección da Facultade de Historia para a celebración deste acto, Susana Reboreda, decana do centro, destacou como esta publicación “é un referente no eido das humanidades en xeral e no da arte en particular”. Por este motivo, subliñou ao alumnado presente as oportunidades que lle abre esta asociación e esta revista non só para coñecer o románico senón tamén para dar difusión aos traballos académicos e de investigación que poidan realizar no futuro.

Un estilo único

Durante a súa intervención, Augusto Guedes explicou como a asociación Amigos do Románico naceu no ano 2004 co obxectivo de traballar na protección, coñecemento e divulgación do románico. Na actualidade, indicou, conta con arredor de 1200 socios, maioritariamente españois pero tamén doutros países europeos, como Francia e Portugal, e entre os que se atopan desde particulares con interese neste tema ata académicos. Entre as accións que realizan, detallou, está a edición cada ano de dous números, un por semestre, da revista Románico. Cunha tirada de 2000 exemplares, apuntou o seu director, “a revista está presente en todo o mundo”. A piques de sacar o seu número 25, Augusto Guedes indicou como nas páxinas desta publicación atópanse artigos de investigación elaborados por expertos sobre todo tipo de temas relacionados co románico español e internacional, desde a escultura e a pintura ata a iconografía e o simbolismo.

Sobre o interese diferencial deste estilo artístico respecto a outros, Guedes destacou como “o que o fai único é quizais o feito de que se trata da primeira arte europea sen fronteiras, xa que nela estaba involucrada todo o que hoxe chamamos Europa”. Ademais, engadiu entre os aspectos destacables do románico, “está a súa estética, que conecta perfectamente coa arte contemporánea”.