DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras os vertidos químicos da pasada semana

A asociación SYME solicita ao alcalde que se debata o plan de recuperación do río Barbaña

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Noelia V. Vilanova DUVI 03/07/2009

Tras o vertido químico que sufriu o río Barbaña a pasada semana, centos de peixes e outra fauna piscícola apareceron mortos na superficie das súas augas. Nestes momentos estase a investigar a orixe e as causas do vertido, xa que as consecuencias medio ambientais son moi elevadas. Dende a Asociación Medio Ambiental Universitaria SYME, reclámase non só que se descubra ao culpable desta fuga, senón que se poña en marcha un plan de recuperación do río, porque “de xeito natural tardaría máis de cinco anos en volver á normalidade”, explica José Antonio Pérez, presidente da asociación.
Mediante un escrito enviado ao alcalde da cidade, Francisco Rodríguez, SYME solicita que se realice unha moción no pleno “onde se debata a aprobación deste plan de recuperación por parte das autoridades competentes da Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica”.
O presidente de SYME recordou tamén ao alcalde que “unha cidade termal nunca existiría se o río está morto, non se poden atraer turistas se as augas están contaminadas”.

As súas peticións

Este plan de recuperación das augas do Barbaña debe contemplar, segundo a asociación SYME, a realización de limpezas manuais do río e a posibilidade de facer drenaxes das zonas de acumulación de lodo para eliminar os metais pesados que alí se atopan tras o vertido, fósforo, aluminio, zinc, cobre, ferro, magnesio e chumbo. Tamén se insta ao restablecemento da fauna e flora do río mediante a introdución das especies que morreron e a posible recuperación da troita. Por último, solicítase a veda no río, deixando un tramo como zona de pesca sen morte para desenvolver nel actividades educación e sensibilización ambiental.