DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terán lugar do 24 ao 27 de outubro na Escola de Enxeñería Industrial

A asociación xuvenil Engranaxe achégase ao mundo laboral a través da sustentabilidade

Coa celebración das II Xornadas sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Jessica Fdez. DUVI 13/10/2011

A inquedanza polo saber, a necesidade de afondar no coñecemento ou a curiosidade por como funciona o mundo laboral do que formarán parte no futuro, fai que moitos estudantes participen en actividades que van máis aló do académico. Un claro exemplo destas iniciativas é o labor realizado pola asociación xuvenil de estudantes de enxeñaría Engranaxe, que organiza, por segundo ano consecutivo, as Xornadas sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética. As actividades, deseñadas por e para o alumnado, comezarán o luns 24 e prolongaranse ata o xoves 27 na Escola de Enxeñaría Industrial.

Dado o éxito acadado na primeira edición no ano 2010, onde participaron de forma directa máis de 500 estudantes das diferentes ramas da enxeñaría, Engranaxe volve poñerse mans á obra. A asociación, que ten como finalidade conseguir un vínculo permanente entre o alumnado e o mundo laboral, comeza o curso fomentando o espírito emprendedor e as oportunidades tanto dentro como fóra do ámbito universitario. Mantendo esta filosofía, as II Xornadas sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética teñen como obxectivo lograr que máis de 4500 enxeñeiros e estudantes poidan coñecer o funcionamento e o labor das organizacións e profesionais do seu sector. Doutra banda, ofrécese ás empresas e a posibilidade de crear unha imaxe de marca nun escaparate único e de referencia: a Escola de Enxeñaría Industrial.

Programa de relatorios

As xornadas, que comezarán o vindeiro luns 24, compóñense de trece conferencias nas que abordarán temas relacionados coas enerxías renovables, a eficiencia enerxética na vivenda ou no transporte e os novos combustibles alternativos utilizados na actualidade. Para debater sobre estes temas contarase coa colaboración tanto de docentes e investigadores da Universidade como de representantes de empresas como Logitek, ABB, OCV, Larpro Engineering SL, Rockwell, Grupo Saraitsa, Bluemobility, PSA Peugeot Citroën ou Siemens. Paralelamente presentarase un modelo híbrido de Toyota e outro eléctrico de PSA, ademais de exposicións sobre o punto de recarga eléctrico e sobre o Coche, xerador solar e cociña de biomasa . Asimesmo, os asistentes visitarán a aula técnica de enerxías renovables e coñecerán distintas perspectivas sobre o emprendemento e outras saídas laborais nunha mesa redonda prevista para o xoves 27 de outubro. Deste xeito a organización pretende presentar aos futuros enxeñeiros unha perspectiva ampla e variada das posibilidades de emprego que ofrece o eido das enerxías renovables e o desenvolvemento sostible.

As conferencias poderán seguirse en directo e a través da plataforma uvigo.tv. Para formalizar a inscrición nas xornadas ou para obter máis información ao respecto, queda dispoñible a dirección engranaxe@engranaxe.com.