DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reunirán arredor dun cento de alumnos e alumnas no campus

Asociacionismo, lingua e nacionalismo centran as 'I Xornadas do Estudantado Galego'

O encontro está organizado polos Comités do campus de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 18/02/2011
“Unir e Organizar, Organizar e Loitar, Loitar e Vencer”. Este era o lema de Erga, xermolo dos antigos CAF, e é o título elixido polos actuais Comités de Ourense para celebrar as súas I Xornadas do Estudantado Galego. Durante seis días e da man de diferentes expertos, os participantes no encontro abordarán temas como o asociacionismo estudantil, a problemática lingüística, o feminismo e aspectos da historia do nacionalismo galego.

“As xornadas nacen como un espazo de debate e promoción da cultura galega” explica Iago Gómez, responsable dos Comités de Ourense e coordinador do encontro. Comezarán o luns 21 achegándose á historia e características do movemento estudantil e prestando especial atención ao papel que xogou este fenómeno en épocas como a ditadura franquista. Con este inicio abrirase un programa que se prolongará durante seis sesións, ata o día 2 de marzo, e no que os organizadores agardan que participen arredor dun cento de estudantes universitarios, principalmente ourensáns.

Iago Gómez salienta que como organización de estudantes nacionalistas que son, os Comités tamén quixeron dar protagonismo nestas xornadas ao nacionalismo. “Queremos abordar esta cuestión para entre outras cousas desbotar o mito de que o nacionalismo é un invento do século XXI, cando aquí xa comezou coas Revoltas Irmandiñas”, explica. Para falar desta cuestión están convidados a participar políticos como Guillerme Vázquez, portavoz do BNG, Bautista Álvarez, Isabel Pérez e Xoán Carlos Garrido.

Lingua e feminismo

O feminismo e, sobre todo, a lingua serán outros dos temas moi presentes nas xornadas. Entre os relatores que abordarán a situación lingüística estará Carlos Callón, presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, que xunto a Susana García falará sobre O Xenocidio Lingüístico. Moi vinculado con esta temática, tamén se desenvolverán unha serie de relatorios centrados en destacadas figuras da cultura galega. Así Pilar García Negro e Teresa Devesa falarán sobre 126 Anos sen Rosalía de Castro e Francisco Rodríguez farao sobre o 125 Aniversario do Nacemento de Castelao, entre outras intervencións.

Con este encontro, os Comités ourensáns queren asentar unha cita de referencia anual na que abordar as cuestións que centran as súas preocupacións. Segundo sinala o seu responsable, na celebración en 2010 das xornadas O Galego no Século XXI viron a necesidade de dar un paso adiante e instaurar unha cita anual na que reunirse para o debate e a formación, unha cita que comeza o luns día 21 no Edifico Xuridico-Empresarial do campus de Ourense.