DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores internacionais falarán na Facultade de Bioloxía sobre o reto de buscar vida no Univer

A astrobioloxía contada dende a NASA para todo o mundo

A xornada contará coa presenza de Ricardo Amils, experto en organismos que viven en hábitats extremo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 11/11/2011
Noemí Rey | Vigo
Combinar astrofísica, bioloxía e xeoloxía, entre outras, para estudar se existe algún tipo de vida noutros lugares do Universo ademais da Terra. Esa é unha das funcións da astrobioloxía, unha ciencia multidisciplinar “de nova cuña pero moi activa” sobre a que expertos internacionais debaterán o vindeiro 16 de novembro na Facultade de Bioloxía. “Temos os medios técnicos dende os anos 80, pero ata o de agora non houbera avances significativos neste tema”, recorda Ana Ulla, profesora de Física Aplicada da Universidade de Vigo e coordinadora da actividade.

Baixo o título Astrobioloxía: o reto da busca de vida no Universo hoxe, a xornada contará coa presenza de Ricardo Amils, un investigación de sona mundial neste campo que participa en proxectos para atopar organismos que viven en hábitats extremos en lugares como as augas ácidas do onubense río Tinto e ver a posibilidade de que se desenvolvan noutros puntos do Universo. Catedrático de Microbioloxía da Universidade Autónoma de Madrid, membro do Centro de Biología Molecular Severo Ochoa e investigador do Centro de Astrobiología de Madrid, asociado á NASA, Amils falará duns microorganismos capaces de crear unha colonia de 1300 especies nunha auga cun alto contido en ferro, moi contaminado e cun pH de 2.2.

Colaborar man a man

Xunto con Amils, o investigador do Centro de Astrobiología de Madrid Benjamín Montesinos explicará algúns aspectos sobre o presente e o futuro dos planetas extrasolares e a profesora da Universidade da Coruña Minia Manteiga sobre a auga e a vida no Universo. Ademais, unha mesa redonda con todos os poñentes e a profesora Ana Ulla servirá para recordar o marco de colaboración multidisciplinar que se precisa para seguir indagando sobre a busca de vida máis alá da Terra.

A actividade, que comezará ás 10 h, rematará ás 13.30 horas coa presentación das principais liñas de investigación do Centro de Biología Molecular de Madrid, o único centro asociado á NASA Astrobiology Institut que non está en Estados Unidos. A xornada terá entrada libre e gratuíta ata completar aforo, xa que “aínda que está pensada pra estudantes de Bioloxía, o certo é que se fará nunha linguaxe accesible para todos os públicos”, recorda Ulla.

VIII Concurso de Fotografía Biolóxica

O 16 de novembro a Facultade de Bioloxía tamén entregará os premios aos gañadores do VIII Concurso de Fotografía Biolóxica (13.30 h), que tentaba recoller as mellores imaxes relacionadas co bosque tanto en cor como en branco e negro e realizados con calquera técnica. Ademais, as obras presentadas exporanse no Edificio de Ciencias Experimentais a partir do mesmo día.