DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Astronomía, historia, medio ambiente e turismo son algunhas das propostas da oferta de cursos de verán

Promovidos pola Vicerreitoría do campus e a Deputación Provincial de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 28/05/2009

A Vicerreitoría do campus xunto coa Deputación Provincial de Ourense presentou este xoves a oferta de Cursos de Extensión Universitaria para este verán. A temática é do máis variada: cata de viños, deporte e historia, pasando por astronomía, turismo e medio ambiente, ata software libre e emprendemento. Un total de 12 cursos que representan aos seis centros do campus e abarcan todos os ámbitos do coñecemento, compoñen este programa formativo para os meses estivais. Os prezos dos cursos oscilan entre os 35 e os 100 euros, pero existen descontos para os alumnos, profesores e traballadores da Universidade de Vigo e estudantes bolseiros do Ministerio de Educación. Dentro destas tarifas inclúese o desprazamento ata os lugares nos que se impartan os cursos e, nalgúns casos, tamén o aloxamento e a manutención.
Durante o acto de presentación, o vicerreitor Juan Francisco Gálvez, agradeceu a colaboración da Deputación Provincial xa que “dun orzamento de 75000 euros cos que conta o programa, 45000 achégaos esta institución”. Como novidade deste ano destaca, segundo Gálvez, o curso de Ferramentas de seguridade en GNU/Linux que será impartido simultaneamente mediante videoconferencia na sala de audiovisuais da Biblioteca Central do campus e en Santiago de Compostela no CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia). Con esta nova experiencia “pretendemos que alumnos doutros lugares non se teñan que achegar ata o campus e poidan seguir o curso na distancia grazas á tecnoloxía AccesGrid”.
Para o vicerreitor estes cursos “son fundamentais para o campus pero tamén para a provincia”. O pasado ano a asistencia acadou preto dos 500 alumnos, o que supón “un importante fluxo de persoas que se move pola cidade e os concellos que participan”.
Pola súa banda, José Luis Baltar, presidente da Deputación Provincial, destacou a importancia destes cursos xa que ademais de servir para ampliar os coñecementos “dan a coñecer entre os alumnos que nos visitan de fóra de Ourense a riqueza monumental, paisaxística, turística e gastronómica da nosa provincia”. Baltar apuntou ademais, a intención da Deputación de “seguir implicándose cada vez máis coa Universidade porque o futuro está na preparación das nosas xentes”.

Proximamente no campus

De xeito inmediato, neste mes de xuño a partir do día 22, darán comezo catro cursos que terán lugar no campus. Cata de viños, augardentes e licores ensinará aos seus alumnos a recoñecer as calidades visuais, aromáticas e gustativas destas bebidas; mentres o curso sobre A nova fiscalidade das persoas físicas: liquidación e planificación do comportamento fiscal analizará as principais características do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas de 2009 e o Imposto sobre Sucesións e Doazóns tras a recente reforma en Galicia. Con Ferramentas de seguridade en GNU/Linux amosaranse os mecanismos básicos para implantar medidas de seguridade efectivas e promocionarase o uso do software libre. Para rematar, Introdución á observación astronómica trasladaranos ata o ceo para celebrar o Ano Internacional da Astronomía e ensinará a identificar os diferentes corpos celestes: lúa, planetas, estrelas e galaxias, ademais educará aos participantes sobre a necesidade de recuperar o ceo estrelado como patrimonio paisaxístico.

No verán

No mes de xullo Celanova será o concello protagonista, xa que os tres cursos que se celebrarán este mes terán como sede a vila. Antonio Piñeiro, técnico de Cultura do concello, apuntou que "Celanova foi pioneira nos cursos de verán, comezando en 1989 cando aínda non existía o campus". O primeiro en comezar será o de Muller e historia que pretende rescatar ao colectivo feminino das sombras e poñer de manifesto a súa importancia en distintos eidos historiográficos. Días despois comezará O audiovisual e as industrias culturais, curso habitual dentro da programación de verán, “é o sexto ano que o facemos e non temos problemas para atraer xente”, comentou Gustavo Garrido, xerente da Fundación Carlos Casares. Este curso, que pretende reflexionar e debater ao redor do audiovisual e a súa relación coa industria e máis a cultura, encadrase dentro das actividades que organiza a Cátedra Carlos Casares da Universidade de Vigo. O derradeiro curso que terá lugar en Celanova, Turismo intermedio. Elementos para a dinamización turística das Terras de Celanova, dará a coñecer modelos turísticos diferentes dos convencionais como son o literario, o cinematográfico, o enolóxico, o relixioso ou o gastronómico entre outros.

Ao comezo do novo curso

Setembro comezará fomentando o espírito crítico cara a xestión medio ambiental e a súa influencia na natureza co curso de Educación ambiental e responsabilidade social que se celebrará no Concello de Muíños. Xa no campus terá lugar un curso sobre Consultoría para a innovación e o emprendedorismo.
No mes de outubro chegan ao seu fin os cursos de verán con Deporte, empresa e sociedade: medios de comunicación, espectáculos deportivos e produtos turísticos que, ao igual que nos anos anteriores, pretende amosar ao alumnado a vertente empresarial e económica da actividade deportiva e turística.