DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase por primeira vez no campus de Pontevedra do 21 ao 23 de setembro

A atención aos maiores centra o II Congreso Iberoamericano de Psicoloxía e Saúde

Organizado polas tres universidades galegas, aínda se atopa aberto o prazo de inscrición

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 06/09/2011

Ofrecer unha guía teórica e práctica para o coidado da terceira idade tanto a nivel físico como psicolóxico. Este é o principal obxectivo do II Congreso Iberoamericano de Psicoloxía e Saúde, que dedica a súa segunda edición ao benestar das persoas maiores. De carácter anual, celébrase por primeira vez no campus de Pontevedra, en concreto nas facultades de Fisioterapia e de Ciencias da Educación e do Deporte, do vindeiro 21 ao 23 de setembro. “Estamos ante un encontro que lles permitirá a científicos, ao alumnado e aos profesionais do sector actualizarse e estar ao día en temas de saúde e de psicoloxía na xente maior”, explica Francisca Fariña, presidenta do comité organizador.

Este simposio está organizado pola Red Salud, Bienestar Físico y Psicológico que, a súa vez, está formado por catro grupos de investigación das universidades galegas e liderado polo equipo de investigación PSU, dirixido por Francisca Fariña. Conta ademais co apoio activo da Sociedad Universitaria de Investigación en Psicología y Salud, SUIPS, o que converte ao congreso “nunha cita obrigatoria e de carácter transfronteirizo na que participan os principais expertos en saúde e psicoloxía de universidades de Galicia, España, Portugal e de Iberoamérica”, aclara Fariña.

Tras a primeira edición celebrada o pasado ano na Universidade de A Coruña, este ano o eixe principal céntrase no estudo das condicións tanto físicas como psicolóxicas das persoas maiores, “unha temática moi traballada e afondada polos nosos grupos de investigación, con achegas e resultados recentes que deben ser compartidos coa sociedade”. A profesora destaca ademais que é unha área de moito interese para o alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte e para o de Fisioterapia “pois non hai que esquecer que a poboación galega está envellecida polo que necesitamos de profesionais que se formen neste ámbito de servizos para a terceira idade”, engade.

Seminarios e conferencias científicas

O II Congreso Iberoamericano de Psicoloxía e Saúde dedicará a súa primeira xornada a impartir tres seminarios prácticos nos que se traballarán exercicios físicos e psicolóxicos para lograr o benestar, así como ferramentas para mellorar a seguridade na súa práctica. Un total de dez conferencias científicas repartiranse entre o xoves 22 e o venres 23 de setembro, sendo inauguradas cunha intervención de Jesús Bernardo García, membro do Comité Olímpico Español. A lonxevidade, a rehabilitación, os programas de actividades, a prevención do envellecemento, a depresión ou os beneficios psicolóxicos das universidades para maiores serán temas recorrentes no debate. Tampouco faltarán mesas de comunicacións, “contando xa con máis de 100 artigos”, aclara Fariña.

Exemplo de interacción e de cooperación

A presidenta do comité organizador salienta ademais a cooperación continua entre a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e a de Fisioterapia do campus pontevedrés para a posta en marcha do congreso, “un exemplo de interacción e de transmisión de coñecemento, pois soamente a través destes eventos poderemos medrar, intercambiar coñecementos e crear equipos de investigación multidisciplinares”.

Inscrición e prezos

Co período de inscrición aínda aberto, Francisca Fariña sinala que aínda que os principais destinatarios destes congresos sexan o alumnado, “animo aos profesionais deste sector a que se inscriban para poder entender mellor a quen atenden”. O prezo da matrícula é de 60 euros se se trata dunha cota ordinaria, reducíndose á metade, 30 euros, para estudantes e membros da SUIPS, sempre que se realice a matrícula antes do 10 de setembro. Se se deixa para despois desta data, a cota ordinaria supón 90 euros, mentres que a reducida increméntase a 40 euros. A asistencia a este congreso de alumnos e alumnas das facultades de Fisioterapia e de Ciencias da Educación e do Deporte será recoñecida cun crédito ECTS. Para máis información, pódese entrar na web da SUIPS, no teléfono 981563100 ou ben no correo electrónico congreso.SUIPS@gmail.com