DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Elia Vázquez afondou na súa tese nas debilidades e fortalezas do modelo de inclusión educativa

A atención á diversidade en Secundaria, unha cuestión de experiencia

A profesora chama a atención sobre a fragmentación no xeito de responder a este reto

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 23/12/2016

Como se está a levar a cabo a atención ao alumnado diverso nos centros de Educación Secundaria Obrigatoria galegos dende a visión dos profesionais implicados directamente nesta tarefa? Na súa tese de doutoramento Elia Vázquez buscou respostas a esta pregunta debullando as debilidades e fortalezas que detectan no actual modelo os diferentes profesionais que teñen que enfrontar nas aulas o reto da integración educativa dun alumnado cada vez máis diverso. Segundo o estudo, a experiencia é unha das variables de maior incidencia na atención a estes estudantes.

A tese, titulada Atención á diversidade na Educación Secundaria Obrigatoria desde a perspectiva dos profesionais docentes implicados, estivo dirixida por José Domínguez Alonso e Antonio López Castedo e foi presentada na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, acadando a cualificación de sobresaínte cum laude. “A finalidade do estudo foi analizar as responsabilidades dos diferentes colectivos docentes implicados na atención da diversidade nos centros de Educación Secundaria de Galicia e esbozar o contexto escolar actual”, explica a xa doutora, profesora de Educación Infantil. No colectivo abordado na tese, apunta, inclúense tanto aqueles que traballan diariamente nos centros educativos con estes estudantes (equipos directivos, departamentos de orientación e profesorado de apoio e profesorado en xeral) como os que o fan de xeito máis externo e puntual (inspección educativa e equipo de orientación específico).

Sobre a relevancia de levar a cabo este estudo, a investigadora sinala como “o alumnado con necesidades educativas estase a incrementar notablemente nos centros e aulas ordinarios”, tanto pola “tendencia a unha escolarización o máis inclusiva posible”, deixando só os casos que requiren de recursos e profesionais máis específicos nos centros de educación especial, como “polo aumento migratorio derivado da crise económica”. Para a correcta xestión deste fenómeno, recalca, “traballar cos docentes é indispensable pois son eles os que van determinar o éxito da atención á diversidade”. A pesar desta relevancia, afirma, “na actualidade existen poucas investigacións que aborden esta temática de forma cuantitativa e que teñan en conta a opinión de todos os profesionais docentes implicados na atención á diversidade”.

Debilidades e fortalezas

A investigación foi realizada utilizando como técnica a enquisa e como instrumento o Cuestionario para a Avaliación da Atención á Diversidade como Dimensión Educativa nas Institucións Escolares, sendo o número total de docentes enquisados 753 das catro provincias galegas. As conclusións obtidas, sinala a investigadora, foron presentadas en termos de debilidades e fortalezas. A partir da investigación feita, subliña Elia Vázquez, “apréciase o recoñecemento por parte de todos os membros docentes da comunidade educativa do incremento da diversidade en todos os centros educativos e tamén que debe ser dende a educación dende onde se afronte este reto”. O estudo, engade, permite soster que a experiencia é unha das variables de maior incidencia na atención ao alumnado diverso. Isto, afirma, “pode derivarse de que o profesorado mellora a súa resposta educativa unha vez que se atopa dentro do exercicio da docencia, a través do enfrontamento a problemáticas que nun principio non é quen de solucionar”. Os profesionais docentes son conscientes, indica a investigadora, “de que deben impulsar a atención á diversidade dende un currículo común para lograr unha adecuada cohesión social”.

Entre as debilidade detectadas, comenta a profesora, está que “que non todos os profesionais educativos teñen a mesma visión ou as mesmas crenzas sobre a diversidade”. Isto, afirma, provoca “unha fragmentación ou unha dispersión no xeito de atender ao alumnado e aínda que é certo que a valoración persoal que fan da diversidade é sempre positiva esta dista considerablemente coa realidade dos centros, onde na maioría dos casos é percibida como un problema”. Ademais, engade Elia Vázquez, “aínda que os centros educativos poñen en marcha moitas medidas encamiñadas á atención do alumnado diverso, estas son fundamentalmente medidas específicas para atender a alumnos determinados pero as medidas globais para atender á diversidade como grupo son aínda escasas”.

Entre os aspectos positivo subliñados na tese de doutoramento están que “a maior interacción directa co alumnado, é dicir, os colectivos internos, especialmente o profesorado de aula, increméntase a súa implicación na atención á diversidade”. Pola contra, afirma a investigadora, “apréciase unha baixa incidencia da inspección na atención á diversidade nos centros de ESO” e “unha escasa significatividade dos equipos de orientación específicos na axuda, o que é bastante contraditorio con outros estudos presentados e, sobre todo, coa súa propia razón de ser”.

Valoración da formación

En canto á valoración que os diversos colectivos fan sobre a formación recibida neste eido, a investigadora conclúe que os docentes son o colectivo que se percibe como peor formado na atención á diversidade “sendo os que deberían estar máis formados, xa que son os que traballan a cotío con ela e ademais os máis implicados”. Pola contra, os colectivos específicos de atención á diversidade serían os que valoran a súa formación como mellor, considerándose ben formados en todos aqueles ámbitos presentados. Tamén sinala como “percibimos unha sobreformación en aspectos metodolóxicos, curriculares e organizativos en todos os colectivos, posto que todos eles consideran que é o ámbito no que teñen unha maior formación”. Por outra banda, engade a investigadora, “atopamos que unha das debilidades apreciadas é que para que o profesorado poida traballar de maneira directa co alumnado diverso precisa dunha supervisión e autorización por parte da inspección e incluso nalgún caso da participación do equipo de orientación específica, o que sería unha fortaleza de non ser pola burocratización de todo o proceso que provoca que o inicio da intervención co alumnado se dilate e pospoña”.