DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A entidade colaborará co campus en actividades culturais e de difusión

O Ateneo abre as súas portas á comunidade universitaria

Estudantado, docentes e PAS terán descontos na cota mensual de socios

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 14/05/2013

O campus de Ourense e o Ateneo da cidade comparten un compromiso común coa difusión da cultura e do espírito crítico. Por esta confluencia de intereses, María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Isabel Salgado, presidenta do Ateneo, avanzaron este martes o desexo das dúas entidades de estreitar os seus lazos coa posta en marcha diferentes liñas de colaboración. A primeira iniciativa que se porá en marcha permitirá aos membros da comunidade universitaria facerse socios da institución cun desconto na cota mensual.

“Ademais de ofrecer descontos para asociarse, esta colaboración queremos que permita a organización de eventos conxuntos, o apoio na difusión das actividades de cada entidade e o aproveitamento da dispoñibilidade de espazos cos que conta cada unha”, destacou María Lameiras. Como exemplo desta disposición a cooperar, que se materializará proximamente coa sinatura dun convenio, este luns xa se realizou un acto da Vicerreitoría do campus nas instalacións do Ateneo, que acolleron unha conferencia do escritor e docente Narciso de Gabriel. “Ao igual que facemos co Liceo e con outras entidades da cidade, esta comunicación permitiranos levar a programación campus alén do espazo universitario”, engadiu a vicerreitora.

Unha tribuna de pensamento

Para o Ateneo, explicou Isabel Salgado, “pór en marcha esta colaboración é moi importante porque abriranos a un sector da sociedade moi interesante para nós como é a comunidade universitaria”. Coa redución de cotas, a presidenta do Ateneo quixo animar a estudantes, docentes, investigadores e persoal de administración e servizos do campus a achegarse a esta institución e participar das súas actividades. “O Ateneo sempre se caracterizou por ser unha tribuna libre de pensamento, aberta a todo tipo de actos nos que participan tanto persoas consagradas da cultura galega e ourensá como novas promesas dela”, explicou Salgado.

Dentro desta filosofía, apuntou, os membros da comunidade universitaria poden atopar no Ateneo un lugar para aprender, para vivir a cultura e para incluso amosar os seus propios traballo en diferentes áreas do coñecemento. Co obxectivo de facilitar a súa incorporación, sendo a cota de inscrición mensual habitual de 13 euros, os estudantes que queiran facerse membros do Ateneo terán un prezo especial de cinco euros e os demais colectivos do campus de nove euros. “Compartindo unhas bases común, é un motivo de satisfacción poder traballar agora por pór en marcha liñas de cooperación coa universidade e intentar facer máis cos recursos que xa ten cada unha das institucións”, subliñou Salgado.