DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o 31 deste mes de outubro

atlanTTic lanza un novo premio á mellor tese do Estado en homenaxe aos profesores Manuel Ramos e Fernando Isasi

O traballo gañador, que debe centrarse no eido das tecnoloxías de telecomunicación, recibirá 2000€

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Premios
  • TIC
  • Investigación
DUVI 18/10/2023

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, acaba de lanzar a primeira edición dun novo premio que levará os nomes dos profesores Manuel Ramos e Fernando Isasi. O certame, que busca a mellor tese de todo do Estado relacionada coas tecnoloxías de telecomunicación, renderá así homenaxe aos dous docentes da EE de Telecomunicación e investigadores de atlanTTic falecidos en maio de 2022, no caso de Ramos, e en agosto de 2023, no de Isasi. 

O premio ponse en marcha contando coa colaboración da sección española do IEEE, Institute of Electrical and Electronics Engineers, co obxectivo de “recoñecer o labor realizado por aquelas persoas investigadoras cuxa tese de doutoramento represente un avance significativo no eido das tecnoloxías de telecomunicación”. Este premio recoñecerá aquelas achegas que, baseadas na innovación, a creatividade, a orixinalidade e o rigor científico, presentan unha alta capacidade de avance no coñecemento producido no eido das tecnoloxías de telecomunicación. Ademais, dende atlanTTic tamén apostan porque o galardón se converta nun estímulo complementario para as persoas investigadoras que traballan neste campo. 

A primeira convocatoria, para as e o s que defendesen a tese en 2022

Esta primeira convocatoria do premio consistirá nun único premio cunha dotación económica de 2000 euros e poderán concorrer ao certame todas as persoas en posesión dun título de doutoramento, de calquera nacionalidade, que defendesen a súa tese no eido das tecnoloxías de telecomunicación, en concreto comunicacións, servizos dixitais e/ou ciberseguridade, en calquera universidade española entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022. Os seus traballos deben ter obtido a máxima cualificación, excelente cum laude, e ademais deben ter publicado dous artigos JCR Q1/Q2 ou, no seu defecto, dispor dunha patente en explotación, por un resultado da investigación realizada no contexto da tese. 

Para presentar as candidaturas é preciso cubrir o formulario en liña neste enlace, descargalo e presentalo na sede electrónica da Universidade de Vigo a través da instancia xenérica (SXER) existente na sede, e por como asunto “premio ATLANTTIC-Tese Doutoral”. O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata o 31 deste mes de outubro. No formulario en liña achegarase un certificado do centro onde se leu a tese de doutoramento no que se recolla título, autor, data e cualificación, un currículo e un resumo e breve explicación da relación do traballo realizado coas tecnoloxías de telecomunicación, facendo especial fincapé nos aspectos orixinais e innovadores e nos resultados obtidos. 

A selección das propostas será efectuada por unha comisión de avaliación que terá en conta para a toma da decisión aspectos como as publicacións de impacto en revistas JCR de gran relevancia en tecnoloxías de telecomunicación; as publicacións de impacto en congresos internacionais de gran relevancia no eido das tecnoloxías de telecomunicación; os resultados de transferencia, patentes e aplicacións comerciais en relación coa tese; ou os premios recibidos, proxectos xerados a partir da tese e outros méritos como estadías no estranxeiro ou financiamento recibido.

A comisión de avaliación estará composta por persoas de especial relevancia no eido das tecnoloxías de telecomunicación e, a súa composición, será publicada unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes.