DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A primeira sesión celebrarase o martes 12 no edificio Miralles e tamén se poderá seguir en liña

atlanTTic pon en marcha un ciclo de xornadas sobre tecnoloxía e igualdade

Cinco mulleres do ámbito aeronáutico e espacial protagonizarán as actividades do primeiro día

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 05/12/2023

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, está a organizar para o vindeiro martes día 12 a xornada Conectando en igualdade: a transformación do futuro tecnolóxico, actividade coa que arrancará un ciclo de conferencias e coloquios dirixidos a concienciar a sociedade sobre estas temáticas. Trátase, tal e como explican desde a organización, de amosar a necesidade de que a tecnoloxía mude cara aspectos máis inclusivos, feministas e de diversidade, xa que o futuro só se pode construír en igualdade se a tecnoloxía tamén se crea e usa dese xeito.  

Esta primeira xornada, que terá lugar na sala 1 do edificio Miralles e que tamén poderá seguirse en directo a través de UVigo-TV, comezará ás 11.00 h coa presentación do evento a cargo de Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic, e representantes da Universidade de Vigo, da Unidade de Igualdade e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. 

Ás 11.20 horas comezará a mesa redonda que contará coa participación da catedrática Cristina Cuerno Rejado, directora da Escuela Técnica Superior de Ingeniería Aeronáutica y del Espacio da Universidad Politécnica de Madrid; Elena Beatriz Martín Ortega, coordinadora do Máster universitario en Enxeñaría Aeroespacial da UVigo; Yanina Hallak, CEO Co-fundadora de UARX Space; Laura Rodríguez Rodríguez, enxeñeira de telecomunicación de UVigo e Airbus Defence and Space, e Uxía García Luis, investigadora do grupo GTA de atlanTTic e primeira doutora en Enxeñaría Aeroespacial pola UVigo. A mesa redonda estará moderada pola investigadora e docente Edita de Lorenzo Rodríguez, enlace de igualdade de atlanTTic na UVigo. A continuación, para rematar a xornada, están programadas varias dinámicas de grupo e haberá tamén unha quenda para o debate e a reflexión sobre os asuntos tratados nas conferencias e outros relacionados.

Para participar na xornada é preciso inscribirse previamente no formulario dispoñible na web de atlanTTic, onde hai máis información sobre o programa do evento (https://atlanttic.uvigo.es/).

Actividades impulsadas polo Distintivo de Igualdade da UVigo

atlanTTic sumouse este ano á lista de centros que contan co Distintivo de Igualdade da Universidade de Vigo, distinción pola que se recibe financiamento para celebrar este tipo de xornadas de promoción activa e permanente da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. As vindeiras sesións que está previsto realizar centraranse noutros ámbitos da enxeñaría e das tecnoloxías de telecomunicación, para o que se convidará a profesionais de distintos ámbitos tecnolóxicos.