DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Atlas Phaidon sitúa a Cidade Universitaria na vangarda arquitectónica do século XXI

Esta publicación recolle os mellores e máis orixinais edificios internacionais do que vai deste mile

Etiquetas
  • Vigo
M. Del Río DUVI 07/04/2010

Entre os mellores edificios do mundo, a Cidade Universitaria do campus vigués estase a facer un oco que lle permite ser recoñecida tanto no mundo da arquitectura como entre os interesados neste campo artístico. O último recoñecemento para a obra de Miralles e Tagliabue vén da man do Atlas Phaidon de arquitectura mundial del siglo XXI que a inclúe entre 1037 edificios, 653 arquitectos e 89 países recollidos en 800 páxinas. O Edificio Miralles e toda a Cidade Universitaria ocupan a páxina 368 desta publicación, a única fonte documental destas características publicada ata o momento e que se centra en proxectos arquitectónicos extraordinarios construídos por todo o mundo dende o ano 2000.
Así, nesta compilación teñen acubillo tanto arquitectos consagrados como as novas xeracións de creadores incluíndo un abano de edificacións que van dende vivendas ata museos, centros de exposicións e congresos ou grandes infraestruturas como aeroportos ou estadio deportivos.
De Galicia, xunto coa Cidade Universitaria que Miralles proxectou e deseñou para o campus de Vigo, este atlas recoñece tamén a calidade e orixinalidade de dous edificios de Caixa Galicia, o Centro de Estudos Musicais na Coruña e a Fundación Caixa Galicia. De España recolle entre outros o Museo de Arte Contemporánea de León, o Hotel Marqués de Riscal na localidade de Elciego, a sede de Gas Natural en Barcelona, tamén obra de Miralles e Tagliabue, a Torre Agba de Barcelona, de Jean Nouvel, as vivendas do Mirador de Sanchinarro en Madrid, a T4 de Barajas ou Museo Picaso de Málaga.
O atlas recolle ademais dunha sección do Edificio Miralles, catro fotografías, unha do complexo Cidade Universitaria, outra Praza Miralles, outra do interior do Edificio Miralles e unha vista xeral dende a pasarela que leva á Biblioteca Universitaria. O texto que acompaña describe o campus como promotor da vida social entre os membros da comunidade e “o deseño dos edificios ofrece unha relación visual coa paisaxe circundante, favorecendo a concentración e o estudo”. Explica así o feito de que o campus de Vigo se afaste dos modelos tradicionais adecuándose e adaptándose ás características do terreos. “Como parte da estratexia de deseño, as diferentes construcións cumpren unha función determinada e foron distribuídas en forma de gradas e espazos públicos abertos nunha contorna dinámica e variada”. Sobre as edificación obra de Enric Miralles e Benedetta Tagliabue a publicación internacional destaca que son “únicos en termos de sistemas arquitectónicos, materiais e expresión formal”.

Unha selección moi coidada

Este atlas recolle 1037 obras que debuxan un percorrido mundial dende Bután a Rusia, pasando por boa parte de Europa, Burkina Faso, Libia, EEUU, Brasil, Australia, Indonesia, Mozambique, Irán ou Perú. Esta lista final é froito dunha preselección entre preto de 10000 propostas.
Cada proxecto é seleccionado por un grupo de expertos complementándose coas achegas de asesores especializados. Recolle obras realizadas dende xaneiro de 2000, do mellor do que vai de século explorando as novas tendencias e a evolución das tradicións en cada zona do planeta.
Contén 4600 fotografías a cor, 2100 planos, 50 mapas e ensaios escritos por expertos todo recollido nunha obra que sobrepasa os 6 quilogramos de peso. Os mapas e datos ofrecidos pola Escola de Economía de Londres permiten comparar o custe, tamaño e coordenadas xeográficas de cada estrutura axudan ao lector a localizar as edificacións en ferramentas como o Google Earth, a través dunha aplicación propia do atlas. Publicado por Phaidon Press, os editores de renome dos libros de arte visual, segue a estela do éxito do Phaidon Atlas of Contemporary World Architecture, publicado por Phaidon en 2004.