DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor da Universidade e Vigo presentou este venres o Plan Estratéxico do Campus da Auga

A auga convértese no motor do campus de Ourense

Abranguerá as áreas de Turismo, Informática, Innovación Social e Educativa, Medio Ambiente e Alimen

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 11/05/2012

“Dotar de personalidade propia e identidade científica ao campus de Ourense a través da creación dun proxecto con capacidade de visibilización exterior e de creación de valor económico e social que sexa motor de desenvolvemento de Ourense, tendo como base a temática da auga”. Deste xeito explicou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, a visión que a institución ten do futuro do campus de Ourense e que se materializa agora na creación do Campus da Auga. O reitor presentou este venres o Plan Estratéxico desta iniciativa á comunidade universitaria e a institucións nun acto que supón a apertura do Campus da Auga aos que serán os seus auténticos protagonistas. A auga, protagonista da cidade de Ourense, pasa a ser agora tamén motor do seu campus.

“Este proxecto nace para ser unha marca diferenciadora e distintiva para o campus de Ourense e o paraugas que dea acubillo a todos os seus activos. Será a súa marca e o seu marco de traballo”, apuntou o reitor durante un acto no que, entre outras autoridades, estivo Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. “Vai a ser un paso moi importante para o futuro deste campus e de Ourense pero tamén un paso importante pensando no noso sistema universitario e en Galicia”, salientou Vázquez ao mesmo tempo que facía explícito o compromiso do departamento que dirixe con este proxecto. “A auga é aglutinante da vida e da economía de Ourense e agora é o momento de pór en valor este recurso tan prezado”, dixo o conselleiro.

Como presidente da Comisión Científica do Campus da Auga, o docente Santiago Lago explicou, na mesma liña, que esta iniciativa “non parte de cero” senón que o que fai é “reorganizar o que xa temos para ser máis eficientes a través da aposta pola especialización”. O catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo salientou que este este proxecto nace “pensando que será o vector estratéxico para o campus de Ourense e que no medio e longo prazo pode ser relevante tamén para Galicia”.

Aproveitar as oportunidades internas e externas

Segundo apuntou na súa presentación o reitor da Universidade de Vigo, o Campus da Auga quere implicar a todos os activos do campus ourensán, composto na actualidade por 4.595 alumnos, 33 titulacións, 49 grupos de investigación, 339 investigadores e máis de 120 proxectos de I+D. “A súa misión é dinamizar unha rede multidisciplinar e integrada de unidades de investigación, docencia e transferencia de coñecemento”, explicou o reitor. Para facelo o proxecto constrúese sobre cinco áreas de colaboración que aglutinan o know-how do campus e que conformarán os seus futuros clústers de I+D. Trátase das áreas de Turismo, Tecnoloxía Informática, Innovación Social e Educativa, Medio Ambiente e Alimentación.

Alén destes recursos internos, o reitor fixo fincapé en que o proxecto nace tendo en conta a contorna e as oportunidades e necesidades do contexto social e económico actual, como son o desenvolvemento do termalismo en Ourense, as crecentes esixencias ambientais e alimenticias da sociedade ou o envellecemento da poboación, entre outros.

Durante a súa intervención, o reitor tamén explicou que o Campus da Auga está deseñado en consonancia coas prioridades de Horizonte 2020, o programa marco comunitario de investigación e innovación (2014-2020), posto que busca a excelencia na investigación e a conexión cos sectores económicos a través da transferencia de tecnoloxía e coñecemento. Ademais, engadiu, o proxecto está en liña con outras iniciativas de agregación multidisciplinar para a creación de masa crítica, entre as que destaca a Conferencia de Reitores de Universidades do Suroeste de Europa, composta por 18 universidades de Galicia, Norte de Portugal e Castela e León.